Olalla Rodil e Iria Carreira visitaron as instalacións de Adace Lugo

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e a concelleira do BNG en Lugo, Iria Carreira, realizaron unha visita ás instalacións de Adace Lugo (Asociación Dano Cerebral), onde foron recibidas pola presidenta da entidade, Ángeles Novo, e estiveron acompañadas por traballadoras e usuarios da asociación.
Durante a visita, Rodil quixo resaltar "o gran traballo e a calidez humana" que Adace Lugo ofrece tanto aos usuarios como ás familias de persoas afectadas por dano cerebral adquirido.
A parlamentaria destacou a importancia do traballo que as profesionais da asociación realizan para facilitar a integración das persoas afectadas na vida diaria, así como o asesoramento e rehabilitación que se proporciona aos usuarios de toda a provincia.
Rodil subliñou que o BNG levará ao Parlamento Galego varias demandas importantes de Adace Lugo, entre elas, coñecer o estado actual do PAI (Plan Asistencial Integral), que foi elaborado por federacións que traballan con dano cerebral adquirido e presentado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Sanidade en 2022. "Aínda non se sabe nada sobre o PAI e queremos saber en que punto se atopa", manifestou a deputada nacionalista.
Outra das peticións do BNG será solicitar información actualizada sobre o número real de persoas con dano cerebral adquirido en Galicia, pois os datos dispoñibles son de 2012 e a súa actualización é fundamental para ter "unha fotografía real e actual da situación no noso país", explicou Rodil.
Ademais, o BNG demandará no Parlamento que se amplíen as prazas públicas dispoñibles en Lugo para atender ás persoas afectadas, xa que considera que as prazas actuais para toda a provincia son claramente insuficientes. "Adace Lugo presta un servizo dentro das súas posibilidades e cos poucos recursos que ten. Por iso, pedimos á Xunta de Galicia que poña todo o que estea na súa man para ampliar o número de prazas públicas para a atención, rehabilitación e tratamentos necesarios para estas persoas", concluiu Olalla Rodil.
A visita á asociación e as futuras iniciativas no Parlamento Galego buscan mellorar a atención e as condicións de vida das persoas afectadas por dano cerebral adquirido en Galicia.