Olalla Rodil e Rubén Arroxo cualificaron os orzamentos da Xunta como "insuficientes"

LugoXa
Con respecto á cidade de Lugo, "a Xunta segue a gardar orzamentos para construír a rolda Leste e segue mantendo o abandono do Barrio da Tinería"
BNG-Olalla-Rodil-e-Rubén-Arroxo
25 Out 2024

A deputada por Lugo do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, xunto con Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo, avaliaron o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2025.

Arroxo e Rodil clasificaron os orzamentos como "insuficientes", e a deputada do BNG destacou que estas contas son "promesas atrasadas", así como afirmou que "os investimentos para Lugo baséanse en repetir ano a ano os mesmos anuncios sen que nunca se executen os traballos". En definitiva, Rodil valorou o proxecto de orzamentos como "antisociais, que benefician aos máis ricos consolidando un sistema fiscal regresivo que non da que resposta aos problemas dos galegos e galegas".

No referente aos investimentos para a comarca, Olalla Rodil, afirmou que "vemos unha vez máis que os orzamentos inclúen reformas de centros de saúde anunciados múltiples veces, pero que seguen sen executar, como o de Meira ou o de Outeiro de Rei", e puxo como exemplo o Porto Seco de Monforte, "unha infraestrutura que leva máis de 10 anos en situación de parálise e que neste proxecto de orzamentos só copiaron e pegaron os mesmos investimentos que o ano pasado, que non foron executados".

Críticas aos orzamentos con respecto á cidade de Lugo

Con respecto á cidade de Lugo, Rubén Arroxo afirmou que "a Xunta segue a gardar orzamentos para construír a rolda Leste e segue mantendo o abandono do Barrio da Tinería".

Arroxo anunciou que o BNG volverá propoñer retirar o financiamento "dunha nova autovía que vai reducir un desprazamento en 3 minutos e dedicalo a rehabilitar dunha vez unha zona histórica de Lugo, que leva desde o 2009 sen recibir investimentos serios por parte do goberno de Galicia".

O portavoz do BNG destacou que "entre o 2026 e o 2028 a Xunta prevé un investimento superior aos 10 millóns de euros ´para esta vía, cartos que se deberían investir na construcción de vivenda pública na cidade".

Rubén Arroxo, ademais, afirmou que "o Parque do Rato completa o cinto verde do Concello de Lugo, un terreo natural que calquera outra cidade querería ter", e engadiu "Lugo avanzou moito na sustentabilidade urbana e na reducción da pegada de carbono nos últimos anos, coa rolda Leste, a Xunta pretende dar un paso atrás e destruír o unha das zonas verdes que máis desfrutan as veciñas e veciños".

Arroxo destacou que "proxectos que Lugo levan moito tempo esperando, como a rehabilitación do Cuartel de San Fernando, volven estar ausentes neste orzamento".

O portavoz do BNG valorou positivamente que a Xunta considere prioritario investir no Plan Paradai, despois de anos de parálise, e reclamou que os orzamentos conten con partidas para a Calzada das Gándaras. Segundo explicou, "despois de aceptar que o plan Paradai é unha actuación necesaria para a cidade, é preciso que a Xunta renove tamén a principal vía do barrio, comezando as obras na Calzada das Gándaras".

Con todo, o BNG impulsará emendas no Parlamento Galego para pór os intereses e as necesidades da veciñanza de Lugo e afondar nun maior compromiso coa comarca por parte da Xunta. "Levaremos ao parlamento as emendas necesarias para que a Xunta poña fin a 13 anos de abandono á cidade e á comarca de Lugo", declarou Olalla Rodil.

Resposta do PP

A concelleira e deputada do PP, Cristina Sánz, acusa ao BNG de hipocresía política xa que “reclaman en Santiago o que paralizan aquí”.

A edil do PP referíase aos atrancos á hora de conceder licenzas na tinería, ou ao feito de que soliciten máis vivendas cando o tenente de alcalde, dende a súa posición, xa que forma parte do goberno de Lugo ainda non cedeu os terreos necesarios para que a Xunta constrúa as vivendas.

Outra cuestión que reflicte a súa falta de coherencia é o cambio de opinión sobre a Rolda Leste como se demostra con declaracións públicas de cargos do BNG que dixeron estar a favor desta infraestrutura, compartiron a súa necesidade e  reclamaron o seu remate unha e outra vez.

Por último, a popular recriminou á nacionalista Olaia Rodil que non aproveitase a súa visita de hoxe a Lugo para incluir na súa axenda reunións coas familias da gardería Gregorio Sánz, ou o profesorado da Escola e Música e da Banda.

A popular acusou ao BNG de hipocresía política “a señora Rodil presume de ser unha encarecida defensora dos servizos públicos pero se pon de perfil, en Lugo, en polémicas que afectan ao futuro da banda municipal ou da Escola de Música que está en mans dos nacionalistas” engadindo tamén “a falta de explicacións e a mala xestión dun conflicto laboral que provoca a incerteza de familias lucenses que dependen da gardería Gregorio Sanz”, concluíu.

0.19201302528381