Olalla Rodil: "O BNG é referente para moitas forzas soberanistas emerxentes no Estado”

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, interviu en Santiago de Compostela, xunto a Ana Pontón, na convención nacional do BNG e reuniuse en Lugo con integrantes do Partido Cantabrista.
olalla_rodil_convencion_bng_santiago
28 Jan 2024

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, interviu en Santiago de Compostela, xunto a Ana Pontón, na convención nacional do BNG e reuniuse en Lugo con integrantes do Partido Cantabrista. "O BNG, en pleno ascenso, é referente para moitas forzas soberanistas emerxentes no Estado”, dixo Olalla Rodil, que engadiu "sempre hai a necesidade de expresar a identidade propia e as forzas soberanistas, con distintas fórmulas e nas diferentes zonas do estado, son quen ampara a identidade dos pobos e de representar as súas inquedanzas".

Na xuntanza estiveron presentes o tenente alcalde de Lugo e cargos orgánicos e institucionais do BNG. Militantes e cargos do Partido Cantabrista deprazaronse a Galiza para coñecer o funcionamento do BNG e vivir a precampaña das eleccións galegas do vindeiros 18 de febreiro."Temos que construír unha Galiza máis forte e orgullosa da súa identidade, afortalando a capacidade de decisión do pobo galego, avanzando no noso recoñecemento como nación e no noso autogoberno", dixo Olalla Rodil.

A portavoz nacional e candidata á Presidencia, Ana Pontón, pechou a multitudinaria convención do BNG apelando a unha mobilización masiva para derrotar ao PP cunha  vitoria histórica e poñer en marcha o mellor goberno de todos os tempos. Para iso, recalcou, ningún voto do cambio pode quedar na casa. “Este é un deses momentos nos que un País ten que erguerse para loitar polo seu futuro e a iso convocou á cidadanía, a que o 18 de febreiro ningunha persoa que queira cambio quede na casa e a que ningún voto do cambio se perda”. Para conseguilo a alternativa é “coller a papeleta do BNG”, destacou, subliñando que a posibilidade de facer historia cunha presidenta, “está máis cerca do que cremos, non nos arrepintamos o 19 de non ter feito todo o que estaba na nosa man, porque depende dunha présa de votos”.

Defensa do mar e da sanidade

A líder nacionalista incidiu en que cada vez máis xente “está xirando a mirada cara o Bloque farta das vellas receitas fracasadas dos de sempre. Se queremos resultados diferentes, temos que apostar por algo diferentes”, apelou. Pontón ironizou sobre o nerviosismo do PP, conscientes de que o cambio é imparable porque as “trolas” do candidato Rueda en forma de “tómbola” de anuncios,  “xa non colan”.

“Nin con mentiras, nin con manipulación, nin con toda a propaganda do mundo van parar as ganas de cambio, porque agora hai unha cidadanía que dixo basta”, recalcou, poñendo como exemplo a reacción dos galegos e das galegas auto-organizándose ante a ocultación e a incompetencia do PP na xestión da marea plástica; a masiva manifestación en defensa do mar ou a que, augurou, enchera as rúas en defensa da sanidade pública o próximo domingo.

Pontón preséntase como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor. “A todas esas persoas quero dicirlles que son a súa candidata, non importa que papeleta colleron noutras eleccións, son a candidata de todas as persoas que queren cambio e que saben que a maneira de conseguilo é apostando todo ao BNG”. Porque o que tamén deixou claro Pontón na súa intervención é que ninguén vai vir desde Madrid “a sacarnos as castañas do lume, non o fixeron nunca e non van facelo agora”, por tanto, poñer en marcha un País mellor vai depender “de nós e das nosas propias forzas”.

Crítica co PP e o PSOE

Neste sentido, fixo referencia á presenza de cargos estatais, “os líderes do PP e do PSOE viñeron máis veces a visitarnos neste último mes que no último ano”, un turismo electoral que converteu xaneiro en temporada alta, ironizou. Pero as eleccións do 18F non van de crispación, nin de liortas importadas, “van de como aportar solucións para o noso futuro colectivo, van de que nos fagamos valer e de avanzar”.

Para iso, convidou a facer historia para que, despois de 43 anos con seis presidentes todos homes e todos de forzas estatais, Galicia teña a primeira presidenta do BNG coas mans libres: “A min só me van dar ordes os galegos e as galegas porque sei moi ben quen son, para que estou aquí e a quen me debo”.

Débese, subliñou, a xente común, como a mocidade emigrada que lle reclama construír unha Galicia “á que volver”. Con esa maioría social quere a líder do BNG poñer en marcha un futuro mellor, “ao lado da xente, na rúa, cruzando as portas dos colexios, dos centros de saúde, das universidades, das fábricas, dos teatros ou das tendas dos nosos barrios”. As únicas que nunca cruzará nin Pontón nin ningún membro do goberno do BNG “son as portas xiratorias”, proclamou.

A líder do Bloque concluíu destacando que quere facer historia como a primeira presidenta e do BNG, “pero non por min, senón por todas as persoas que defenden a sanidade, que loitan por un traballo decente, pola mocidade que quere chegar a fin de mes, polos maiores que reclaman unha vellez tranquila, pola xente que defende o noso mar, polos que resisten mantendo un rural en pé, polas que queren mil primaveras máis para a nosa lingua”.

0.15631914138794