Olalla Rodil participa nunha charla informativa en Monterroso sobre o proxecto de Altri
A viceportavoz do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, animou ás veciñas e veciños da comarca da Ulloa a acudir á charla informativa sobre o proxecto de planta de celulosa que a multinacional portuguesa Altri planea instalar no concello de Palas de Rei. Rodil intervirá nesta charla que se celebra este martes xunto con Ana Fernández, membro de Adega e especialista no ciclo da auga, que afondará nas implicacións que o proxecto terá para a comarca da Ulloa e para o resto de concellos de Lugo e de Galiza.
As persoas asistentes poderán coñecer mellor as implicacións da implantación do megacomplexo industrial de Altri, e os efectos que terá en todo o territorio galego, ademais do impacto negativo que terá sobre a actividade económica e no emprego nas zonas afectadas.
Rodil animou á veciñanza a presentar alegacións ao proxecto para "manifestar ante a Xunta de Galiza o rexeitamento a esta macroplanta destinada á producción de celulosa". Segundo recoñeceu a propia empresa, subliñou Rodil, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell.
“Un proxecto que teria un enorme prexuizo sobre un espazo natural de enorme valor ecolóxico e ambiental como é a Serra do Careón”, apuntou a deputada advertndo do “enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón en toda a contorna da Ulloa e na contorna da ría de Arousa.
Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.