Oliver destaca en 3ª Nacional e os equipos do CD Dez Portas TM Lugo loitan ata o final nas ligas superiores

LugoXa
Os encontros decidíronse por detalles mínimos e destaca o estreno con éxito do novo talento Oliver en 3ª División
CD-Dez-Portas-TM-Lugo-3ª-Nacional
17 Nov 2025

A xornada competitiva do CD Dez Portas TM Lugo estivo marcada por encontros de gran intensidade, resoltos por detalles mínimos nos dobres das ligas nacionais e cun motivo de orgullo na 3ª Nacional co debut dun novo talento da casa.

En 1ª División Nacional, o CD Dez Portas Restaurante Carlos perdeu por 4-3 fronte ao Club Deportivo Coyanza. O partido decidiuse nun dobres de altísimo nivel entre Tiago e Manuel, cunha loita intensa que se resolveu por diferenzas mínimas no quinto set: 11-7, 7-11, 10-12, 11-9, 13-11 (3-2). A igualdade do encontro reflectiu o gran nivel do equipo lucense, que estivo moi preto de sumar unha nova vitoria.

En 2ª División Nacional, o CD Dez Portas Contafis Todoxestión tamén caeu por 3-4 ante o Vilagarcía Tenis de Mesa. Novamente, o resultado final resolveuse nos dobres, onde a parella formada por Adrián e Alejandro perdeu por un marcador axustadísimo: 11-1, 11-8, 6-11, 11-13, 14-12. O esforzo evidenciou a capacidade de loita e adaptación do equipo.

En 3ª División Nacional, o CD Dez Portas Caixa Rural Galega logrou a vitoria por 3-2 fronte ao SD Ribadeo TM, cunha das mellores noticias da xornada: o debut oficial de Oliver, novo xogador da canteira. Formando parella en dobres con Álvaro, contribuíu de maneira decisiva ao triunfo final e, a nivel individual, disputou un excelente encontro, perdendo por 3-1 pero destacando especialmente nun set épico de 18-16. Esta actuación abre boas perspectivas de futuro e confirma o bo traballo na base do club.

Foi unha fin de semana de aprendizaxe, entrega e competitividade para todos os equipos, demostrando que o CD Dez Portas TM Lugo continúa medrando con paso firme, combinando presenza nas ligas nacionais co xurdimento de novos talentos da casa.

⚙ Configurar cookies
0.20337605476379