Optimizan as rutas do punto limpo móbil polas 54 parroquias de Lugo

LugoXa
Ademais deste servicio itinerante, hai 854 contedores; outros 350 para bolsa amarela; 200 para papel e cartón e un deposito para aceite vexetal por cada núcleo rural
puntolimpo_rural_lugo
25 Xul 2024

O Concello apuntala a recollida de lixo na zona rural coa optimización das rutas do punto limpo da zona rural. Así, a empresa concesionaria mellora a súa cobertura adaptando frecuencias para prestar un servizo máis eficiente a veciñanza. Na actualidade, a zona rural de Lugo, composta por 54 parroquias, conta cun censo dunhas 9.000 persoas, ás que o Concello de Lugo quere facer chegar un mellor servizo de recollida de lixo e con iso unha adecuada xestión dos residuos.

Por iso, nos últimos meses apuntalaron a recollida de lixo coas rutas diarias por distintas parroquias do punto limpo móbil, ao tempo que se dotou de máis contedores para residuos en xeral, bolsa amarela, papel e cartón e para aceite vexetal. Co respecto ao funcionamento destes servicios, o concelleiro responsable da área de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sinala que “o Punto Limpo Móbil percorre as 54 parroquias, rotando a súa situación cada día e durante todo o ano.

Ademais, isto se complementa con outros medios, como por exemplo na prestación gratuíta de retirada de plásticos de silos nas parroquias rurais, no que se notou un importante incremento na súa demanda”. Con este servicio, ao igual que co da posta en marcha do Punto Limpo Móbil, “respondemos ás demandas das 9.000 veciñas e veciños que viven no rural e agora temos que poñer o foco nunha maior concienciación para mellorar a recollida selectiva e con iso a xestión dos residuos nesta zona”, sinala Miguel Fernández.

O punto limpo móbil percorre as 54 parroquias da zona rural conforme a un calendario preestablecido e que se pode consultar na web www.lucelugo.gal, ademais de no propio punto limpo. Ademais desta infraestrutura, cóntase coa recollida da fracción resto, dividida en seis rutas diarias (de luns a sábado) de 6,5 horas de duración. O tempo é o mesmo para o resto de fracciones, pero no que respecta aos envases lixeiros, operan cinco rutas, de luns a venres, mentres que na fracción de papel e cartón hai dúas rutas semanais.

Na actualidade a zona rural dispón ademais de 854 contedores de 2.00 e 1.800 litros; outros 350 das mesmas capacidades pero de bolsa amarela; 200 de iguais características para papel e cartón e 54 contedores de aceite vexetal en cada unha das parroquias. Os servizos que máis se solicitan son a retirada de plásticos de silos, un servizo gratuíto, xunto a retirada de utensilios voluminosos, e que pode ser a domicilio no caso de persoas con dificultades para trasladar estes residuos. Para solicitalos, ao igual que calquera outro servizo ou información de LuceLugo pódese chamar ou poñerse en contacto nos teléfono 900 906 671 e 982 043093; na web www.lucelugo.gal; na app Bit Payt ou de forma presencia na oficina de atención ao cidadán no número 9 da rúa Clérigos.

0.21881103515625