Organiza unha xornada de portas abertas na cafetería do CEI Nodus o día 18
O Concello de Lugo organizará o vindeiro mércores, 18 de setembro, a partir das 11:00 horas, unha xornada de portas abertas na cafetería do Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) para que os posibles interesados e interesadas na súa concesión poidan coñecer estas instalacións municipais e o seu equipamento.
O Executivo de Paula Alvarellos retomou o proceso de adxudicación da cafetería ofrecendo unhas condicións máis vantaxosas para facer máis atractiva a concesión. Deste xeito, rebaixouse o canon a 500 euros ao mes –6.000 euros ao ano, polos 9.600 da primeira convocatoria–; ampliouse o requisito da experiencia previa en hostalería ata os últimos 10 anos, tendo en conta que no primeiro proceso se esixía que esta fose demostrable nos últimos 5 anos e permitirase o peche do establecemento durante o período estival durante 15 días.
“A nova convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 24 de setembro, cando remata o prazo de presentación das solicitudes de participación e ofertas económicas”, apuntou o edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, quen lembrou que “a duración da concesión será dun mínimo de dous anos, a partires da sinatura da acta de inicio da explotación e, rematado este período, poderase prorrogar por acordo mutuo das partes por períodos máximos anuais ata un máximo de oito anos máis, sen que a duración total do contrato, incluídas as prórrogas poida exceder de dez anos”.
A licitación atópase publicada no perfil do contratante do Concello de Lugo na Plataforma de Contratación do Sector Público e no Boletín Oficial da Provincia.