Organizan a charla “Coñecendo o cancro” en Castroverde

O local social Paco Pestana acollerá o vindeiro xoves 26 de febreiro, ás 19.30 horas, a charla divulgativa “Coñecendo o cancro”, unha iniciativa aberta á veciñanza co obxectivo de ofrecer información clara e accesible sobre a enfermidade.
A sesión será impartida pola doutora Begoña Campos, oncóloga, quen abordará diferentes aspectos relacionados co cancro, dende a prevención e detección precoz ata os avances nos tratamentos e a importancia do acompañamento aos pacientes.
A actividade está organizada pola Asociación de Pensionistas e Xubilados de Castroverde, que continúa así coa súa programación de propostas informativas e sociais dirixidas á comunidade. A entrada será de balde ata completar aforo.
O acto conta coa colaboración do Concello de Castroverde, que apoia esta iniciativa orientada á sensibilización e á promoción da saúde entre a poboación.