Organizan en Friol unha charla sobre o ciclo de auga

O sábado 15 de marzo, o Centro Sociocultural de Friol acollerá unha charla titulada O ciclo da auga: do ceo á billa, organizada pola Asociación de Veciños Agro da Pena da Vila (Vilalvite).
A xornada dará comezo ás 11:00 horas e contará coa participación de tres expertas en diversos ámbitos relacionados coa xestión da auga e a ecoloxía. A doutora en Hidroloxía e Xestión de Recursos Hídricos, Ana F. Santamarina, será unha das relatoras. Tamén intervirá Dolores Vázquez, bióloga e profesora de Ecoloxía na USC, así como Sonia Lamas, veciña de Vilalvite, licenciada en Veterinaria e máster en Medicina pola USC.
Este evento ten como obxectivo analizar a problemática da auga na zona e concienciar á cidadanía sobre a importancia dunha xestión responsable deste recurso esencial. A organización fai un chamamento á veciñanza para asistir a esta charla, que promete ofrecer información valiosa e prácticas recomendacións para facer fronte aos desafíos hídricos actuais.