Organizan en Lugo unha xornada para conectar o talento con empresas interesadas en ampliar o seu equipo

LugoXa
A xornada está organizada por Espazo Lab, o servizo integral de orientación, formación e desenvolvemento dos programas de fomento do emprego do Concello de Lugo
cei-nodus-centro-empresarial-lugo
23 Xuño 2024

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Dinamización Económica, organiza o luns 24 unha xornada para conectar o talento lucense con empresas interesadas en ampliar os seus equipos. Así o avanzou o edil Mauricio Repetto quen explicou que “esta cita ten como obxectivo responder dun xeito áxil ás necesidades do mercado laboral, tendendo pontes entre as persoas que se atopen en busca de emprego e as empresas interesadas en ampliar as súas plantillas”.

Con esta finalidade poñen en marcha a plataforma www.encontrotalento.arquivalugo.gal a través da que as empresas do municipio “poderán publicitar as súas ofertas de emprego e as persoas interesadas poderán acceder a elas para presentar a súa candidatura”, explicou o concelleiro. Repetto explicou que se busca facilitar a contratación laboral, mediante unha ferramenta coa que as empresas poidan atraer a profesionais que fagan crecer o seus negocios, ao tempo que contribuímos a reter o talento local e fixar poboación.

Para participar como demandante de emprego será preciso seguir uns sinxelos pasos: inscribirse e completar os datos persoais a través da web www.encontrotalento.arquivalugo.gal; adxuntar o currículo; revisar as ofertas de traballo dispoñibles e presentar a candidatura ás mesmas antes do vindeiro 20 de xuño ás 23.59 horas. Se o perfil se adapta ao posto escollido asignarase a esa persoa unha entrevista o día do evento.

Ademais, durante a xornada, que terá lugar nas instalacións do CEI Nodus municipal, haberá un punto de información no que un equipo de profesionais especializados en asesoramento laboral resolverán as posibles dúbidas que poidan xurdir. A xornada está organizada por Espazo Lab, o servizo integral de orientación, formación e desenvolvemento dos programas de fomento do emprego do Concello de Lugo. Conta cun equipo de profesionais especializados no asesoramento laboral que coordinan as distintas iniciativas municipais en materia de emprego e, ademais, funcionan como nexo de unión entre as empresas e as persoas demandantes de emprego.

Asesoramento laboral

Un dos obxectivos de Espazo Lab é detectar os cambios e as novidades nas tendencias no mundo do traballo co fin de divulgar esas novas oportunidades de ocupación e dar a coñecer os sectores económicos emerxentes e as últimas competencias profesionais. O permanente contacto coas empresas facilita a actualización constante das ofertas de emprego e coñecer de primeira man as demandas do mercado laboral. Deste xeito, o Espazo Lab pode ofrecer un asesoramento innovador e axudar aos demandantes de emprego a que actualicen o seu perfil a través dunha atención personalizada e de itinerarios de formación que melloren as súas capacidades e lles facilite acceder con éxito ao mercado laboral.

A través deste servizo municipal, o Concello de Lugo ofrece máis prestacións aos demandantes de emprego poñendo a súa disposición gratuitamente unhas modernas instalacións dotadas coas tecnoloxías máis innovadoras e cun completo equipo de profesionais que lles presta unha atención personalizada. Os usuarios e usuarias atopan ferramentas informáticas para buscar emprego ou crear o seu currículo; poden consultar as ofertas máis actualizadas, así como prensa e revistas especializadas; e, ademais, asistir a cursos, seminarios e charlas sobre distintos temas relacionados co emprego.

 

0.20781302452087