Organizan en Pol unha charla informativa sobre os proxectos eólicos da zona

O vindeiro xoves 20 de novembro, ás 16:00 horas, terá lugar no Centro Sociocultural de Mosteiro, Pol, unha charla informativa sobre a exposición pública dos proxectos eólicos que afectan a diversas parroquias do concello e tamén doutros municipios da contorna. Durante o encontro ofrecerase información detallada sobre o proxecto PE Xescabarex, os seus posibles impactos e o despregamento eólico previsto na zona, ademais de facilitar a presentación de alegacións.
As parroquias afectadas pertencen aos concellos de Lugo, Castroverde, Castro de Rei e Pol, incluíndo áreas como Teixeiro, Labio, Rubiás, A Meda, Barredo, Duancos, Ludrio, Mondriz, Orizón, Fraialde e Carazo. A organización destaca a relevancia desta sesión para que a veciñanza poida coñecer de primeira man o alcance dos proxectos e resolver dúbidas sobre o proceso.
Desde o BNG de Pol subliñan a importancia de que a cidadanía se informe e animan a asistir á charla, organizada por Adega, que tamén ofrecerá máis datos a través dos seus canais de contacto.