Organizan este mércores un almorzo de emprendemento no CEI Nodus
O Concello de Lugo, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a edil Ana Abelleira, celebrará este mércores, 26 de abril, a partir das 8:30 horas, un almorzo de emprendemento no CEI Nodus, para poñer en valor o talento local e establecer novas sinerxias e proxectos comúns entre as empresas da cidade.
“Tralo éxito dos almorzos enmarcados na campaña Localmente Lucense, que puxemos en marcha o pasado ano, continuamos con esta iniciativa e facémolo, precisamente, no viveiro de empresas municipal para visibilizar estas instalacións e poñer en contacto aos emprendedores lucenses, dentro da aposta do executivo municipal pola xeración de emprego na cidade”, explicou a rexedora, Lara Méndez.
A través desta iniciativa, o executivo municipal ofrece aos participantes un espazo aberto e gratuíto para que amplíen a súa rede de contactos, co fin de xerar novas oportunidades de negocio e de emprego na cidade.
Neste senso, Lara Méndez convidou ao tecido empresarial lucense a participar, pois “trátase dunha gran oportunidade para xerar lazos e crear novas sinerxias e contactos que poden ser de gran utilidade no día a día dos participantes”, explicou. A actividade está dirixida a emprendedores/as, asociacións e empresas de comercio, hostalería ou outros sectores interesados. Os almorzos son un foro a través do que mellorar a comunicación entre as e os emprendedores e facilitar a creación de novos lazos.