Organizan o I Mercado de Nadal do Barrio de San Antonio este sábado, 14 de decembro

A Asociación de Veciños e Comerciantes do barrio de San Antonio de Padua de Lugo organiza o I Mercado de Nadal do Barrio de San Antonio este sábado, 14 de decembro, fronte ao Centro Integral de Saúde.
Así, desde a asociación din que será “un día máxico no que poderedes gozar dun pequeno mercadiño e actuacións durante toda a xornada para toda a familia”, e din que irán desvelando o programa de actividades.
Pero, polo de agora, animan aos deseñadores, artesáns, artistas ou creadores a participar desta iniciativa, para que poidan ofrecer os seus produtos no barrio de San Antonio de Padua de 11.00 a 21.00 horas do sábado.
Este evento busca converterse nunha cita anual para toda a familia, onde os veciños do barrio e de Lugo poidan gozar dun espazo único con produtos especiais, actividades paralelas e moito máis.
As persoas que se animen a expoñer os seus produtos nesta mercado, deberán apuntarse a través do correo mercado.nadal.sanantonio@gmail.com, e así porase a disposición deles un posto con mesa e cadeira decorado con motivo nadaleño.