Organizan un concerto solidario en San Xoán de Pena para recadar axuda destinada a familias sen recursos

A Asociación de Veciños San Xoán de Pena organiza un concerto solidario co obxectivo de apoiar a persoas en situación de vulnerabilidade durante estas datas festivas. O evento terá lugar o 21 de decembro ás 18:30 horas na igrexa de San Xoán de Pena, onde actuará o grupo coral Cantar Delas.
A entrada terá un custo simbólico de 5 euros, aínda que tamén se poderá acceder mediante a entrega de alimentos ou xoguetes, co fin de facilitar a participación de todas as persoas que desexen colaborar. O diñeiro e os produtos recadados destinaranse á Cociña Económica, a familias sen recursos e/ou á Cruz Vermella, segundo informa a entidade organizadora.
A iniciativa conta coa colaboración de Xuntos por Lugo e nace coa intención de fomentar a solidariedade e a participación veciñal, converténdose nun punto de encontro comunitario cun marcado carácter benéfico nestas festas do Nadal.