Organizan un concerto solidario en Lugo a favor de Capaces este 27 de marzo

LugoXa
A Delegación Territorial acolle ás 20:00 horas unha actuación de tunas para apoiar ás persoas con TEA
Concerto-Capaces-Lugo
24 Mar 2026

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá este venres 27 de marzo un concerto solidario a beneficio da asociación Capaces, entidade centrada na defensa dos dereitos das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Na cita participarán a Tuna de Agrícolas de Madrid e a Asociación de Antigos Tunos de Lugo.

O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta de Capaces, Noelia Fernández, avanzaron que o evento dará comezo ás 20:00 horas no salón de actos do edificio administrativo, onde se agarda reunir público cun dobre obxectivo: gozar da música e contribuír a unha causa social.

Capaces Lugo desenvolve o seu labor co propósito de mellorar a calidade de vida das persoas con TEA e outros trastornos da comunicación, así como a das súas familias. Para iso, impulsa iniciativas orientadas a facilitar apoios, recursos e oportunidades que favorezan a súa autonomía persoal e a súa plena inclusión nos ámbitos social, educativo e laboral.

Neste contexto, Arias destacou a implicación da Xunta no respaldo a este tipo de iniciativas, subliñando a colaboración que mantén coa Federación Autismo Galicia para promover accións de sensibilización social e reforzar a calidade da atención dirixida ás persoas con trastorno do espectro autista.

0.12059998512268