Organizan un curso de rescate acuático para bombeiros
A Alcaldía de Lugo continúa a promover a formación dos servizos de emerxencia do Concello con novos cursos dirixidos aos integrantes do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento municipal (SPEIS). A rexedora, Lara Méndez, mantivo un encontro cos bombeiros que durante as últimas dúas semanas participaron nas accións formativas: ‘Licencia de navegación’ e ‘Modulo de rescate en medio acuático’.
Méndez explicou que a formación continua “concíbese como unha ferramenta fundamental para garantir a eficiencia en todas as situacións de emerxencia”, engadindo que “é importante ter un corpo de bombeiros formado na nosa cidade porque significa máis seguridade para a veciñanza”.
“Durante os últimos anos, incrementamos os recursos económicos destinados a mellorar as condicións de traballo, a seguridade e a capacidade de resposta do Servizo Municipal de Extinción de Incendios con novos vehículos, materiais ou equipos de protección así como en formación” lembrou a alcaldesa.
Os cursos celebrados estas semanas tiveron lugar, principalmente, na contorna do río Miño e nas instalacións do parque de bombeiros. O primeiro en poñerse en marcha foi o de ‘Licencia de navegación’ que permitiu aos participantes, case a totalidade do cadro de persoal do corpo de bombeiros municipal, obter esta titulación que lles habilita para poder empregar e mobilizar embarcacións, co obxectivo de realizar rescates en augas fluviais.
A continuación, desenvolveuse o ‘Modulo de rescate en medio acuático’, de 16 horas de duración no que se abordaron técnicas de rescate acuático e autorescate. A formación, que en ambos casos combinou unha parte teórica e outra de tipo práctico, foi impartida pola escola galega de navegación Marevento, escola homologada que conta con profesionais con ampla experiencia no sector.
Pola súa banda, o sarxento xefe do servizo, Miguel López, destacou que “o obxectivo principal desta formación foi dotar aos equipos de rescate duns coñecementos que lles permitan afrontar o desempeño das súas funcións en situacións de risco relacionadas co medio e a contorna acuática, tanto no medio natural como urbano (ríos, encoros, pantanos, inundacións, etc) en condicións suficientes de seguridade, tanto para eles mesmos como para terceiros”.
“Mediante a adquisición dunha serie de coñecementos, perséguese que no caso dun sinistro no que se atopen involucradas vítimas na auga ou nas súas proximidades, as actuacións levadas a cabo por parte dos bombeiros garantan en todo momento a integridade física dos devanditos axentes, así como a das vítimas e mesmo de terceiros involucrados”, concluíu.