Organizan un curso sobre xestión de explotacións en Becerreá

LugoXa
Agacal organiza a semana que vén senllos cursos sobre a administración electrónica para a xestión das explotacións agrarias en Becerreá.
explotación gandeira muxa lugo
3 Out 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana que vén senllos cursos sobre a administración electrónica para a xestión das explotacións agrarias en Lalín e Becerreá.

Impartidos polas respectivas oficinas agrarias comarcais, o primeiro está previsto na aula Cemit de Lalín o mércores 6 de outubro e versará sobre o impacto da administración electrónica na xestión das explotacións, buscando impulsar o coñecemento da administración electrónica e que os usuarios acaden solvencia técnica para a súa correcta relación coa Administración.

O outro está programado para o xoves 7 e o venres 8 no Telecentro de Becerreá e ten por obxectivo que os titulares das explotacións e as persoas que se queiran incorporar á actividade agraria se familiaricen cos procedementos dixitais da Administración galega, principalmente os da Consellería do Medio Rural, incluídos os trámites da Oficina Agraria Virtual ou as aplicacións SGA e SGAFoto.

As accións están dirixidas en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. No caso de Lalín, as solicitudes deben remitirse cubertas ao enderezo electrónico juan.antonio.ortega.martinez@xunta.gal e os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 886159476. No que respecta ao curso de Becerreá, o correo electrónico de referencia é marta.cela.sangil@xunta.es e o teléfono o 982889239.

0.1084930896759