Organizan un mercado de Nadal esta fin de semana en Lugo
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, pon en valor o selo de Artesanía Alimentaria cun mercado do Nadal en Lugo, que terá lugar na Praza Horta do Seminario en Lugo esta fin de semana, de venres a domingo. Os horarios serán o venres de 16h00 a 21h00, o sábado de 10h a 14h e 16h a 21h; e o domingo de 10h a 14h e 16h e 19h.
O mercado contará coa presenza de 26 empresas produtoras, nel que os asistentes poderán coñecer, degustar e mercar produtos amparados polo selo de Artesanía Alimentaria. Hai 70 empresas rexistradas neste indicativo, que contan con 14 actividades reguladas por normas técnicas para garantir un produto único e de calidade.
O evento estará dinamizado con actividades dirixidas ao público infantil, con xogos, música ou espectáculos teatrais e se sortearán tres lotes de produtos de Artesanía Alimentaria entre os compradores. Ademais, haberá degustacións, catas, talleres e demostracións de cociña de Nadal. O obxectivo deste mercado é dar a coñecer este indicativo e poñer en contacto aos produtores locais cos consumidores.
Artesanía Alimentaria creouse un tripe obxectivo. En primeiro lugar, é unha aposta decidida por parte da Consellería para favorecer a configuración dun sector de calidade diferenciada mediante unha norma conforme ás regras da Unión Europea. A maiores, búscase protexer o bo facer dos produtores, os artesáns, co fin de defender a súa profesión e poñela en valor fronte a etiquetaxes enganosas.
Por último, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria procura xerar un valor engadido, tanto económico como social, referido á transformación de materia prima na contorna rural, para poder conservar as elaboracións tradicionais da cultura galega.