Organizan un obradoiro de cestería tradicional no Lugar de Reque de Lugo

LugoXa
A formación permitirá aprender a elaborar un “paxe”, un cesto tradicional galego de base cadrada, e inclúe contidos teóricos sobre a historia da cestería e o cultivo do vimbio
Lugar-de-Reque-Lugo-Deputación
8 Jul 2025

O espazo permacultural do Lugar de Reque, situado nas inmediacións do río Rato en Lugo, acollerá entre os días 18 e 20 de xullo un novo obradoiro de cestería tradicional no que as persoas participantes poderán aprender a fabricar un “paxe”, un tipo de cesto forte de base cadrada e esquinas redondeadas empregado historicamente en tarefas do campo.

A actividade, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo en colaboración coa Asociación Vilú, está dirixida tanto a profesionais como a persoas afeccionadas a esta arte tradicional.

O curso incluirá unha parte teórica que abordará a historia da cestería en Galicia, centrada nos diferentes tipos de cestos, os seus usos e procedencias. Tamén se explicará o proceso de cultivo, recollida, tallado, pelado e conservación do vimbio, así como as ferramentas necesarias para traballar este material. Na parte práctica do obradoiro, as persoas asistentes aprenderán a tecer o fondo, levantar a estrutura e colocar as asas do paxe, completando así todo o proceso de elaboración deste cesto tradicional.

A inscrición debe realizarse por correo electrónico no enderezo lugardereque@deputacionlugo.org entre os días 8 e 13 de xullo. As prazas asignaranse por orde de chegada das solicitudes, dando prioridade ás persoas que non teñan participado anteriormente nos cursos de cestería organizados neste espazo.

Este obradoiro forma parte do programa de formación en cestería que impulsa a Deputación de Lugo co obxectivo de dinamizar e recuperar o Lugar de Reque como espazo público, dentro dun proxecto máis amplo enmarcado na permacultura. Este enfoque aposta polo respecto ao medio, a recuperación de saberes tradicionais, o uso de recursos locais, a tecnoloxía accesible e a promoción dunha vida sostible e vinculada ao natural.

As actividades do programa, que botaron a andar en xaneiro, inclúen tamén accións orientadas ao coidado, recuperación e rexeneración da plantación de vimbios existente na parcela.

⚙ Configurar cookies
0.19530391693115