Organizan un obradoiro de exploración botánica urbana no coliving do Carme, en Lugo

LugoXa
Será impartida pola artista e paisaxista experta en vexetación Noa Rodríguez Méndez
Coliving-municipal-dedicado-á-creación-artística
14 Xul 2024

Organizan o vindeiro xoves, 18 de xullo, un obradoiro de exploración botánica urbana no entorno do novo Coliving artístico municipal, no barrio do Carme. A actividade baixo o título “Herbiñas en residencia”, será impartida pola artista e paisaxista experta en vexetación Noa Rodríguez Méndez e forma parte da programación posta en marcha polo Goberno Local para dar a coñecer as instalacións, trala súa inauguración en xuño.

Neste senso, a rexedora subliñou que “estamos moi ilusionados de presentar a primeira iniciativa que organizamos dende o Concello para difundir este pioneiro inmoble entre a cidadanía, as comunidades artísticas e os axentes culturais da comunidade”. “O obradoiro propón un paseo dinamizado polo Carme e exploración da botánica urbana na contorna do Coliving, polo que suporá unha magnífica oportunidade para explorar e descubrir este barrio histórico da cidade dende unha perspectiva diferente”, explicou.

Será unha ruta de tres horas de duración, de 18:00 a 21:00 horas, con saída e chegada no Coliving a través do que rexistrar e entender outras formas de habitar o urbano. Unha xornada destinada a todos os públicos na que darlle voz ás plantas que crecen nas gretas e coñecelas mellor. En total haberá 25 prazas dispoñibles que se irán adxudicando por rigorosa orde de entrada das solicitudes a través do email cam@lugo.gal. As inscricións xa se atopan abertas.

O Coliving do Carme nace co obxectivo de ser catalizador da creatividade e do desenvolvemento profesional no ámbito artístico e cultural, pero tamén para contribuír á rexeneración desta zona estratéxica de Lugo. O Executivo municipal deseñou unha programación de actividades ata final de ano para dar a coñecer esta nova dotación, mentres que en 2025, prevese que entre en funcionamento o Regulamento das Residencias Artísticas Internacionais do Coliving.

Así, xa se están a elaborar as bases que regularán a convocatoria destas residencias, para que as e os artistas interesados poidan optar a becas coas que acceder ao Coliving durante tres meses, para desenvolver a súa obra que despois mostrarán ao público na área expositiva deste mesmo centro. Neste  verán haberá tamén un concerto acústico exterior inspirado na música tradicional lírica galega, a cargo da artista Nebra con son en directo ao aire libre. E, durante o outono, celebrarase un taller interactivo centrado na exploración da contorna e a creatividade a través da pedagoxía do lugar, promovendo así a conexión coa natureza e o uso do Coliving. Este obradoiro estará dirixido a nenos e familias e incluirá actividades prácticas como debuxo, construción e exploración sensorial.

0.15508317947388