Organizan un obradoiro de hixiene e coidados bucodentais na Fonsagrada

LugoXa
A actividade terá lugar o 20 de outubro na Casa da Cultura e busca mellorar os coñecementos en saúde oral da cidadanía
Casa_da_Cultura-A Fonsagrada
29 Sep 2025

A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, organiza un obradoiro de hixiene e coidados bucodentais na Fonsagrada. A sesión desenvolverase o luns 20 de outubro de 2025, en horario de 16:30 a 20:30 horas, na Aula Coworking da Casa da Cultura.

O obradoiro ten como obxectivo actualizar os coñecementos en materia de hixiene dental e proporcionar a coidadores, familiares e pacientes as habilidades necesarias para mellorar a calidade de vida no ámbito familiar.

O programa inclúe a prevención da patoloxía oral asociada a enfermidades sistémicas, o coidado das persoas maiores polimedicadas e con próteses, así como técnicas e métodos de hixiene para persoas dependentes. Tamén se abordará a atención bucodental integral, a prevención da carie dental e o control da dieta.

A actividade será impartida por Berta García Cortés, técnico especialista en Hixiene Bucodental da Área Sanitaria de Lugo, e está dirixida á cidadanía en xeral. A programación corre a cargo de Belén Fiuza Barreiro.

⚙ Configurar cookies
0.10268616676331