Poñen en marcha un curso gratuíto de iniciación ao piragüismo en Lugo
Organizan un organiza un curso gratuíto de iniciación ao piragüismo en Lugo. A área de Xuventude, que dirixe o concelleiro Jorge Bustos organiza a proposta dentro do +XTÍ, unha programación impulsada polo Concello de Lugo e subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas. “Grazas a esta formación as persoas participantes poderán dar os seus primeiros pasos en modalidades como o kaiak, a canoa ou o paddle surf da man dos experimentados instrutores e instrutoras da Escola de Piragüismo”, subliñou o concelleiro.
A actividade, que se desenvolverá na contorna da área recreativa de Os Robles, está dirixida á poboación de 14-35 anos empadroada no Concello e ofrecerase en dúas quendas en horario de 11.30 h. a 13.30 h. A primeira será do 24 ao 28 de xuño e a segunda do 1 ao 5 de xullo. Tamén se celebrarán rutas durante os días 9, 11 e 13 de xullo, que terán lugar de 11.00 h. a 14.00 h.
Mediante o impulso deste tipo de actividades, o executivo de Paula Alvarellos fomenta os hábitos saudables e a prevención de drogodependencias. Respecto diso, Bustos destacou a importancia que ten que se involucren o “tecido educativo, social, deportivo, lúdico, familiar, a cidadanía en xeral, e como non, administracións, xa que somos protagonistas na concienciación e na extensión da cultura do rexeitamento”.
As persoas interesadas en participar no curso de iniciación ao piragüismo poderán inscribirse na web http://www.lugomasxti.org desde o luns 17 de xuño ás 09.30 h. A oferta total de prazas alcanzará as 30 (10 por quenda e 10 para os roteiros), que se asignarán por rigoroso orde de chegada das solicitudes. Os requisitos para poder participar nesta iniciativa son saber nadar, levar roupa cómoda e de recambio e, no caso de menores de 18 anos, presentar o día de inicio unha autorización cuberta e asinada polo pai/nai titor/a e copia do dni da persoa que autoriza.