Organizan un taller de bordado e un mercado para recadar fondos para o Festival SoaSuarna

O vindeiro 24 de maio, o festival SoaSuarna, xunto co GDR, organiza unha nova iniciativa cultural no Alargo de Navia.
A xornada arrincará ás 11:30 horas cun taller de bordado a cargo de Xenuina, alias de Tatiana Fernández, que ofrece unha oportunidade única para todas aquelas persoas que queiran aprender ou probar novas técnicas, ou simplemente gozar dunha mañá creativa e relaxante cos fíos nas mans.
Este taller, ademais de ser unha experiencia formativa e divertida, ten un fin solidario, xa que o diñeiro recadado será destinado ao propio Festival Soa Suarna, que este ano promete traer aínda máis sorpresas á comunidade.
Ademais do taller, tamén se celebrará un mercadillo de roupa de segunda man, onde a palabra clave será "intercambiar". "Se tes prendas que xa non usas, esta é a oportunidade perfecta para darlles unha nova vida e, ao mesmo tempo, renovar o teu armario. A entrada é libre e aberta a todo o mundo, e a proposta é vir con ganas de compartir e colaborar, facendo deste evento unha oportunidade para fomentar o consumo responsable e a solidariedade", din as organizadoras.