Organizan unha camiñata de iniciación á ornitoloxía por Coeses
Un ano máis, a delegación de Lugo da asociación ecoloxista Adega organiza as xornadas ambientais de verán Os catro elementos, catro actividades dedicadas a cada un dos catro elementos da natureza: aire, auga, lume e terra, coas que achegar as persoas á natureza e a hábitos de vida máis sustentábeis.
A primeira actividade será a relativa ao aire e terá lugar o vindeiro sábado 6 de xullo de 9.00 horas a 13.00. Realizarase unha andaina de iniciación ornitolóxica por Coeses (Lugo), onde se pretende implantar unha planta de biogás. A actividade é de balde e está dirixida a persoas de todas as idades.
Para participar é preciso inscribirse antes do venres 5 ás 14.00 horas chamando ao 982 240 299 ou escribindo a adegalugo@adega.gal. Unha vez realizada a inscrición enviarase información sobre o punto de encontro por correo electrónico. O resto das actividades iranse anunciando ao longo do verán.