Organizan unha nova excursión cultural a Pontedeume dentro do programa de cohesión social de Lugo

O Concello de Lugo, a través da concellería de Cohesión Social, vén de anunciar unha nova saída cultural dentro do seu exitoso programa de excursións dirixidas á veciñanza. A próxima viaxe será o vindeiro 17 de xullo con destino a Pontedeume e abrirá o prazo de inscrición este luns, día 7 de xullo, no centro de convivencia de Fingoi. Ofértanse 50 prazas cun prezo simbólico de 4,12 euros.
A actividade inclúe un percorrido polas Fragas do Eume, unha visita guiada ao mosteiro de Caaveiro e tempo libre pola tarde para achegarse á praia da Magdalena e descubrir o centro histórico de Pontedeume. A saída do autobús está prevista para as 9:00 horas desde a Praza de Bretaña.
A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destacou que esta proposta continúa a boa acollida das excursións anteriores a destinos como Allariz, Monforte de Lemos, Ourense ou A Pontenova. Segundo explicou, o obxectivo destas viaxes é “promover o lecer saudable, fortalecer os lazos entre veciños e ofrecer alternativas culturais accesibles”.
As persoas interesadas poderán anotarse entre o luns 7 e o mércores 9 de xullo en horario de 9:00 a 13:00 horas. Terán prioridade na adxudicación das prazas aquelas persoas que non participaron nas anteriores excursións e aquelas que se atopen en situación de vulnerabilidade.