Organízase unha xornada sobre sanidade e hixiene vexetal en Lugo
O Campus Terra da USC e o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal (LNSV), exploran posibles vías de colaboración en actividades de I+D+i coa celebración dunha xornada técnica de carácter divulgativo que se desenvolverá o martes 19 de marzo na sede luguesa do LNSV. As persoas interesadas en participar nesta xornada, que se desenvolverá en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas, poden formalizar xa a súa inscrición de balde en liña, a través do enderezo e correo electrónico bzn-lnsv@mapa.es .
A directora do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, Irene Suárez, abrirá o programa cunha sesión expositiva na que dará conta dos obxectivos, así como das distintas actividades organizadas. De seguido, a responsable técnica de sanidade vexetal do organismo ministerial, Vanesa Ferreiroa Martínez, realizará un ensaio sobre a detección do froito rugoso marrón do tomate (ToBRFV) por RT-PCR en tempo real en sementes de tomate e pemento.
As docentes e investigadoras da Área de Produción Vexetal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, Mª Josefa Lombardero e Cristina Cabaleiro, tratarán nas súas respectivas intervencións as interaccións entre a especie invasora Dryocosmus kuriphilus e o castiñeiro en Galicia, así como respecto das vantaxes e dos riscos das técnicas rápidas, económicas e de uso doado para diagnosticar virus para estudos epidemiolóxicos.
A detección de Escherichia coli produtora de toxinas Shiga (STEC) por PCR en tempo real en produtos vexetais e auga centrará un ensaio que realizará a responsable técnica no ámbito da hixiene vexetal do LNSV, Alexandra Herrera Estévez. Asemade, a técnico responsable da caracterización molecular neste ente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Karola Böhme, presentará nesta sesión as distintas tecnoloxías: secuenciación xenómica e espectrometría de masas MALDI-Tof empregadas no LNSV para a caracterización molecular. Un relatorio sobre o control de calidade no LNSV e o seu sistema integrado de xestión, a cargo da xefa de servizo deste centro, María Arias Iglesias, pechará o programa de intervencións.
A intervención da delegada do reitor da USC para o Campus Terra, a profesora Elvira López Mosquera, servirá de colofón da primeira acción conxunta programada entre a USC e o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, unha xornada orientada a explorar as posibles sinerxías e vías de colaboración entre ambas entidades que tamén ofrecerá aos participantes a posibilidade de completar un percorrido polas instalacións do LNSV.