Os 150 participantes da décima edición do Campus Álex Llorca foron recibidos no Concello de Lugo

Os case 150 participantes do Campus Álex Llorca, que celebra a súa décima edición, foron recibidos polo alcalde de Lugo, Miguel Fernández, xunto co concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, e a edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde; pero tamén estiveron na Xunta de Galicia con Javier Arias e na Deputación co vicepresidente, Efrén Castro.
Este campamento intensivo de baloncesto combina durante unha semana a preparación deportiva con actividades formativas e de lecer, sempre guiadas por profesionais do deporte e polo propio Álex Llorca, antigo xogador do Club Baloncesto Breogán e estreitamente vinculado á cidade desde o seu paso polo equipo celeste.
O rexedor municipal conversou con Llorca sobre o desenvolvemento desta décima edición, así como co equipo técnico que coordina as sesións deportivas. O campus reúne este ano 147 mozos e mozas, dos cales 78 proceden de fóra do termo municipal, o que amosa a proxección e atractivo do evento máis alá de Lugo.
O Concello, a través da área de Deportes, colabora un ano máis con esta iniciativa facilitando o uso das instalacións municipais, entre elas a piscina de Frigsa, onde se levarán a cabo algunhas das actividades complementarias do programa.