Os alcaldes de Navia de Suarna e As Nogais reuníronse co delegado territorial da Xunta en Lugo

O obxectivo da xuntanza foi impulsar a creación desta ruta interautonómica e conseguir que o Goberno central adquira os compromisos necesarios para financiala e executala
Senda-Navia-alcaldes
7 May 2025

Os alcaldes de Navia de Suarna e As Nogais, José Fernández e Jesús Núñez, representantes en Galicia do proxecto da Gran Senda do Navia, reuníronse co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O obxectivo da xuntanza foi impulsar a creación desta ruta interautonómica e conseguir que o Goberno central adquira os compromisos necesarios para financiala e executala.

Arias destacou o “valor estratéxico” da Gran Senda do Navia, “un proxecto de dimensión medioambiental, pero cunha innegable repercusión económica e social”. Ademais de vertebrar o territorio entre Galicia e Asturias, a creación desta ruta suporía “divulgar a riqueza paisaxística, patrimonial e cultural dos municipios polos que discorre o río Navia” e “un importante impulso para o turismo, o emprego, e a loita contra o despoboamento nestes concellos eminentemente rurais”, subliñou.

O proxecto da Gran Senda do Navia contempla crear unha ruta peonil e cicloturista ao longo dos 143 quilómetros de percorrido deste río, entre o seu nacemento na parroquia de Busnullán, en Pedrafita do Cebreiro, ata a súa desembocadura na vila asturiana de Navia. Pasaría así por sete concellos lucenses: Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, Cervantes, Becerreá, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada; e nove asturianos: Grandas de Salime, Ibias, Allande, Pesoz, Illano, Boal, Coaña, Villayón e Navia.

A ruta, duns 428 quilómetros, uniría 16 municipios, catro comarcas e os tres camiños de Santiago que contan co recoñecemento como Patrimonios da Humanidade: Francés, Norte e Primitivo.

⚙ Configurar cookies
0.18661308288574