Os alumnos do obradoiro START IOT 5.0 son os encargados do contido dos dispositivos dixitais de Lugo
A tenente de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Abelleira, mantivo un encontro este venres cos dezaseis rapaces e rapazas, de entre 16 e 29 anos, que están a participar no obradoiro impulsado polo Concello de Lugo, START IOT 5.0. A edil puido comprobar de primeira man os avances na formación dos alumnos, que comezaron as súas clases o pasado mes de xullo.
Ana Abelleira lembrou que neste obradoiro se están a crear “os contidos dos dispositivos dixitais instalados no casco histórico e que, a través dun sistema innovador de cartelaría interactiva, permitirán aumentar a visibilidade dos establecementos e dos seus produtos e servizos, facilitando a orientación de novas estratexias de fidelización e venda”. “Estas pantallas dixitais se enmarcan na primeira experiencia piloto que se pon en marcha en España”, aclarou.
O obradoiro está dividido en dous módulos de temáticas diferenciadas con 8 prazas cada un: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e Confección e publicación de páxinas web. A duración dos talleres é dun ano, tempo no que as e os participantes estarán retribuídos co salario mínimo interprofesional.
O obradoiro, dotado cun orzamento de 390.492 euros e financiado en máis do 90% polo Fondo Social Europeo, “busca promover a continuidade dos programas académicos coa finalidade de obter os certificados de profesionalidade e mellorar a empregabilidade dos participantes favorecendo a súa cualificación e inserción, previndo no posible e minimizando os períodos de desemprego, o que se constitúe como unha das prioridades deste goberno”, apuntou a edil.
Ana Abelleira indicou, así mesmo, que o proxecto conta co apoio do tecido empresarial local e que os itinerarios formativos, deseñados polos técnicos municipais do CEI – Nodus, así como a experiencia laboral que obteña o alumnado, se axustan ás necesidades trasladadas polo sector, de maneira que “agardamos acadar unha porcentaxe elevada de inserción laboral posterior”, concluíu a concelleira.