Os Ancares e O Courel renovan a certificación de Mellor Destino de Montaña
A Deputación de Lugo logrou a renovación da certificación de Mellor Destino de Montaña para Os Ancares e O Courel. Unha acreditación que outorgou a firma Observer á institución provincial no ano 2019 pola xeoloxía, botánica e ceos escuros, sen contaminación luminosa,
deste territorio.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo valorou o mantemento desta certificación, que enmarcou na aposta da Deputación por potenciar na provincia “un turismo sostible e de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e o medio ambiente, e deixa un gran valor no territorio, tanto en termos económicos como de emprego, o que contribúe a xerar riqueza e, polo tanto, a manter poboación no noso rural”.
Para este certificado, Observer considera que hai varios aspectos importantes cos que cumpre esta zona da provincia de Lugo. Entre eles, destacan o rico patrimonio natural e cultural, os contidos divulgativos -como rutas e guías-, a interactividade, a accesibilidade, un persoal
capacitado ou as instalacións.
Observer é unha entidade especializada na identificación e promoción de destinos de turismo científico que conta na actualidade con máis de 400 destinos en toda España, na súa maioría en Galicia.