Os Ancares reciben a certificación de Destino Turístico Starlight
A Deputación de Lugo vén de conseguir a certificación de Destino Turístico Starlight para a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Unha acreditación que concede durante catro anos a Fundación Starlight -impulsada polo Instituto de Astrofísica de Canarias- está concibida para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas no territorio.
“Valoramos moi positivamente este recoñecemento, porque nos permite afondar no modelo de turismo polo que levamos anos traballando”, sinalou a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto. “Este Goberno cree nun turismo baseado nas experiencias, de calidade, sostible, que xera riqueza e emprego e que aproveita as potencialidades da nosa provincia, como o noso rico patrimonio natural, cultural e paisaxístico. E esta distinción axudará a que continuemos por esa senda; nun territorio ademais, a Montaña, onde este tipo de iniciativas é fundamental para axudar a fixar poboación”.
Unha vez conseguida a distinción, o seguinte paso será poñer en marcha unha mesa de traballo para abordar as actuacións de carácter astronómico e astroturístico necesarias para adecuar as fontes de luz á actividade de observación das estrelas e impulsar servizos e recursos turísticos especializados.
Entre as condicións de alumeado esixibles para manter este recoñecemento Starlight, as fontes de luz exterior deberán ser con reducida emisión na parte azul do espectro visible e ultravioleta, sempre coa lonxitude de onda por debaixo dos 500 nanómetros; evitar sobreiluminar, axustando os niveis segundo as necesidades de uso e características da vía; ou a instalación de sistemas de regulación e control da iluminación a partir de certas horas nas que diminúe a actividade.
Hai outro tipo de actuacións recomendables que pasan pola instalación de sinais e indicadores, instalación de miradoiros de estrelas nas zonas máis escuras, pero accesibles e con capacidade para a realización das actividades de turismo astronómico dunha forma axeitada; e tamén a organización de xornadas, campañas e actividades nos centros escolares.
Finalmente, outras recomendacións da Fundación Starlight para que Os Ancares Lucenses poidan despregar todo o seu potencial astroturístico pasan pola captación de novas empresas no territorio que ofreza servizos de restauración; o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para Os Ancares. Tamén, ser quen de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo un vínculo co territorio, deixando claro no seu informe que os xa existentes teñen éxito.
“As recomendacións expostas non determinan o resultado actual da certificación e, lóxicamente, deben ser entendidas como unha folla de ruta a percorrer de acordo ás posibilidades reais de cada momento”, sinalan desde a Fundación Starlight.
Fondos europeos
Tramitar este distintivo é unha das accións impulsadas pola Deputación grazas ao investimento dun millón de euros de fondos europeos que conseguiu para as reservas da biosfera que xestiona. En concreto, este espazo protexido da Montaña percibe preto de 430.000 euros para desenvolver diferentes actuacións entre as que, conseguir a certificación Starlight supuxo un investimento que superou os 15.000.
España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, 8 deles situados en Galicia e o dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, porque o concello de Muras é destino Starlight desde finais do 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.