Os Ancares, segundo Destino Turístico Starlight da provincia de Lugo

LugoXa
Os Ancares xa son Destino Turístico Starlight.
Patrimonio Ancares  Navia de Suarna Os Castros
23 Abr 2024

Os Ancares xa son Destino Turístico Starlight. O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, recibiu na Casa do Concello de Navia de Suarna da man da directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez, a certificación de Destino Turístico Starlight para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

Trátase dun distintivo que servirá para protexer mediante diferentes actuacións o ceo nocturno e desenvolver as potencialidades do turismo das estrelas, e que tamén recolleron no acto celebrado os tres concellos que integran este territorio protexido pola UNESCO e xestionado pola institución provincial.

A xornada incluíu así mesmo a celebración da primeira mesa de traballo en relación con esta certificación, na que participaron representantes dos concellos, pero tamén colectivos sociais e entidades que forman parte do órgano participativo da Reserva, co fin de abordar as actuacións necesarias, como adecuar as fontes de luz ou impulsar servizos e recursos especializados, para comezar a desenvolver o destino turístico.

O deputado de Medio Ambiente subliñou que o recoñecemento é froito dun proxecto financiado con fondos europeos que conseguiu a institución provincial para preservar e poñer en valor as dúas reservas que xestiona: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. A Deputación logrou un millón de euros que, explicou Carlos López, destinou “a moi diversas actuacións, faladas e acordadas cos órganos de participación e de xestión das reservas, para poñer en valor estes territorios e para impulsar o seu desenvolvemento social e económico dun xeito sostible, entre elas, o proxecto para conseguir a certificación Starlight”.

Turismo sostible

Este distintivo axudará “a consolidar o modelo de turismo polo que apostamos nas Reservas da Biosfera e en toda a provincia para xerar riqueza. Un turismo de calidade, sostible, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio, algo fundamental para apoiar e para fixar poboación no rural, que é un obxectivo co que estamos plenamente comprometidos na Deputación”, asegurou o deputado.

A Fundación Starlight, que pertence ao Instituto Astrofísico de Canarias, aconséllalle aos Ancares Lucenses despregar todo o seu potencial astroturístico como a captación de novas empresas no territorio que ofrezan servizos de restauración; o desenvolvemento de produtos turísticos como observacións astronómicas ou novas propostas desde e para a zona; e tamén, ser quen de ampliar a oferta de aloxamentos singulares establecendo un vínculo co territorio, deixando claro no seu informe que os xa existentes teñen éxito.

Tramitar este distintivo foi unha das accións impulsadas pola Deputación grazas ao investimento de 1 millón de euros de fondos europeos que conseguiu para as reservas da biosfera que xestiona. En concreto, este espazo protexido da Montaña percibiu preto de 430.000 euros para desenvolver diferentes actuacións. Entre elas, conseguir a certificación Starlight supuxo un investimento que superou os 15.000 euros.

España conta na actualidade con máis de 60 Destinos Turísticos Starlight deste tipo, 8 deles situados en Galicia. O dos Ancares é o segundo da provincia de Lugo, dado que o concello de Muras é destino Starlight desde finais do 2020. Outros dos lugares certificados para o turismo de estrelas en Galicia son Trevinca, o Parque Nacional Illas Atlánticas, a Costa da Morte, Lalín e as Mariñas Coruñesas.

0.21262001991272