Os aparcamentos soterrados de Lugo terán prazas máis amplas este verán
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe, acompañada por José Luis del Oro, director de zona de Interparking, adxudicataria da concesión da explotación dos aparcadoiros soterrados públicos sitos na prazas da Constitución, Ferrol e Santo Domingo, a modificación do contrato para adaptar as dimensións das prazas de estacionamento aos estándares urbanísticos do PXOM.
A rexedora sostivo que “así tamén damos cumprimento ao noso compromiso de dar resposta á demanda social de acadar o 3x2”, é dicir, facer dúas prazas no espazo de tres, de maneira que poida mellorar a accesibilidade no estacionamento e a comodidade dos usuarios. Será un gran paso, ademais, para facilitar as compras no casco histórico e a súa contorna e dinamizar o sector comercial e hostaleiro”.
Neste senso, a alcaldesa lembrou que a adxudicación data do ano 1986 “e desde entón cambiou o parque móbil, con vehículos de maior tamaño, así como os modelos urbanísticos, o que nos obrigou a renegociar as condicións, conversas que levaron o seu tempo debido á complexidade das mesmas, xa que os contratos de outrora veñen con pouca información”.
Actualmente, as prazas dos tres aparcadoiros ascenden a 690: 241 en Santo Domingo, 205 na Constitución e 244 na Praza de Ferrol, e coa reorganización, Interparking calcula que se perderán 171, un terzo das mesmas (61 en Santo Domingo, 42 na Constitución e 68 en Ferrol), o que suporá unha diminución do seu valor patrimonial.
A empresa solicitou ao Concello compensación por estas perdas e polo coste do repintado, como a ampliación da concesión, actualmente establecida en 49 años, polo que se fará efectivo un ano adicional, xa que a lei establece o límite nos 50 anos. Ademais, entre as súas propostas inclúe a actualización do IPC, a mellora da sinalización e a inclusión dos aparcadoiros na APP municipal creada co programa SMART City.
Esta aplicación permitirá coñecer os datos da totalidade dos aparcadoiros municipais, así como do número de prazas libres e facilitará información sobre como chegar ata elas directamente, evitando que tanto a veciñanza como os visitantes dean voltas pola cidade, o que reducirá os niveis de contaminación. “Desta maneira avanzamos cara a unha mobilidade máis sostible”, segundo sostivo a rexedora.
O Concello traballa agora na tramitación administrativa para que, unha vez finalizada, a empresa poida proceder a realizar a execución das obras. Tanto a administración local como Interparking estiman que este verán estará finalizada a adaptación.