Os Bolechas inauguran o acendido do alumeado de Nadal da Deputación de Lugo

LugoXa
A presentación do novo libro da coñecida serie infantil e a música do Orfeón Lucense centraron unha xornada festiva con ampla participación familiar
Bolechas-Deputación-Nadal-Lugo-25
5 Dec 2025

A Deputación de Lugo inaugurou o alumeado e a decoración de Nadal cun acto cheo de ambiente festivo no que os Bolechas se converteron nos grandes protagonistas. Decenas de nenos e nenas, xunto con empregados provinciais e veciños, achegáronse á sede provincial para disfrutar dunha tarde marcada pola ilusión e polas panxoliñas interpretadas polo Orfeón Lucense.

O presidente da Deputación, José Tomé, salientou que a iluminación deste ano combina tecnoloxía LED de alta eficiencia, o que permite un aforro enerxético e económico, cun deseño pensado para animar á cidadanía a achegarse ao centro da cidade e apoiar o comercio local. Explicou que o obxectivo é “encher de vida e ilusión esta praza tan céntrica da capital, ao tempo que se pon en valor a importancia do edificio da Deputación”.

No acto tamén participaron deputados provinciais, a concelleira de Xestión Integral de Recursos Internos de Lugo, Ana González Abelleira, a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, así como alcaldes, alcaldesas e representantes municipais chegados de distintos puntos da provincia.

A celebración incluíu a presentación do último libro dos Bolechas, Unha viaxe por Lugo. Unha provincia natural, promovido pola Deputación. No Salón de Actos, os rapaces e rapazas coñeceron esta nova aventura coa que a institución busca que os máis pequenos descubran e valoren Lugo dunha maneira próxima e entretida. José Tomé destacou que a obra percorre espazos como a Ribeira Sacra, Os Ancares, A Chaira, A Mariña e a propia cidade de Lugo, ademais das dúas Reservas da Biosfera xestionadas pola Deputación: Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. O mandatario lembrou que “moitas veces non somos conscientes da riqueza paisaxística, patrimonial, natural e cultural que temos”.

Ao finalizar o acto, cada neno e nena recibiu un exemplar do libro para seguir explorando a provincia en familia. Ademais, todos os asistentes levaron unha mochila da Deputación con lapis de cores como recordo da xornada.

⚙ Configurar cookies
0.0780029296875