Os bombeiros de Lugo realizarán prácticas de excarcelación con vehículos sinistrados
O Concello de Lugo e o Grupo Sidegal veñen de firmar un convenio para favorecer que os Bombeiros de Lugo realicen prácticas de excarcelación con vehículos sinistrados. Esta contribución axudará á mellora da formación do SPEIS municipal ante este tipo de intervencións ás que os seus efectivos se enfrontan no día a día utilizando automóbiles de desguace que, logo de sufrir algún tipo de colisión teñan rematado a súa vida útil e reúnan as características propias dun accidente con vítimas atrapadas.
“Trátase pois dunha cooperación moi importante e moi estimada polo Concello e polo Parque de Bombeiros que terá repercusión no conxunto da veciñanza xa que a posibilidade de crear escenarios próximos á realidade permitirá aos integrantes do Servizo simular e perfeccionar a súa técnica, gañando en destreza no manexo das ferramentas e do material específico e mellorando os tempos de resposta ante situacións deste tipo que implican a excarcelación-extricaxe de persoas e o seu rescate e estabilización”, sinalou a rexedora que acudiu á sinatura acompañada polo sarxento do Corpo, Miguel López Palacios.
Lara Méndez puxo en valor a iniciativa e o compromiso social do Grupo Sidegal, que descontaminará, achegará os vehículos de desguace idóneos e, posteriormente, os retirará cando teñan cumprido o seu fin, posibilitando o incremento da frecuencia coa que os bombeiros levan a cabo actividades de simulación, “tan necesarias para perfeccionar a súa pericia ante circunstancias que resultan determinantes no salvamento cidadá”, engadiu a alcaldesa ao tempo que quiso recoñecer tamén as boas prácticas desta empresa en materia de sostibilidade e respecto medioambiental entre as que figura - puxo como exemplo - a minoración do uso de plásticos e a aposta decidida pola reutilización.
O convenio, que terá unha vixencia de catro anos, non suporá ningún tipo de custo para o Concello.