Os bombeiros de Lugo participan nun programa de prevención psicolóxica

LugoXa
O curso, impartido polo doutor Manuel Iglesias Soilán, especialista en psicoloxía da educación, desenvolveuse ao longo dunha xornada intensiva de máis de seis horas
bombeiros-de-Lugo-cun-curso-de-prevención-psicolóxica
31 Jan 2025

Os bombeiros de Lugo participaron no programa 'Cuidando a quen nos coidan: prevención psicolóxica para bombeiros', unha formación innovadora dirixida a mellorar a xestión emocional dos equipos de emerxencia.

O curso, impartido polo doutor Manuel Iglesias Soilán, especialista en psicoloxía da educación con formación na Universidade Complutense de Madrid e Harvard, desenvolveuse ao longo dunha xornada intensiva de máis de seis horas. A formación dividíuse en tres sesións, combinando metodoloxías psicoeducativas e prácticas, promovendo a participación activa dos bombeiros a través do diálogo socrático e actividades de aprendizaxe colaborativa.

Na primeira sesión, tratáronse os fundamentos da prevención psicolóxica, analizando o impacto do estrés e da fatiga por compaixón, así como as estratexias de protección psicolóxica baseadas na resiliencia e no traballo en equipo.

A segunda sesión centrouse na autoconciencia emocional e no fortalecemento dos sistemas de apoio prosocial, ensinando aos participantes a pedir e ofrecer axuda de maneira efectiva. Finalmente, na terceira sesión traballáronse estratexias específicas para previr o burnout, diferenciando entre o estrés positivo (eustrés) e o negativo (distrés), e aprendendo técnicas para afrontar os retos emocionais da profesión.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, acompañou ao equipo no inicio do curso, resaltando que "a súa seguridade e saúde mental é tan importante como a súa preparación técnica, porque coidar deles tamén significa coidar da cidadanía".

Alvarellos subliñou a importancia deste tipo de iniciativas, afirmando que "é fundamental que os profesionais que traballan en contextos de alta esixencia emocional conten con recursos para afrontar as súas funcións con garantías".

⚙ Configurar cookies
0.1563708782196