Os canteiráns Pablo Cacharrón e Dani Vidal, de volta no Lugo

LugoXa
Unha vez máis o Anxo Carro acollía a presentación de Pablo Cacharrón e Dani Vidal como novos xogadores albivermellos
cacharrón_dani_vidal
2 Ago 2024

O Lugo continúa a desvelar o seu cadro de xogadores para esta tempada. Unha vez máis o Anxo Carro acollía a presentación de Pablo Cacharrón e Dani Vidal como novos xogadores albivermellos, na que é a volta a casa dos dous canteiráns. Xunto a eles, Roberto Sáez encargábase de facer as honras presentando a dous futbolistas dabondo coñecidos pola afección. “É unha presentación moi especial para o Club Deportivo Lugo polo que significan os estes dous xogadores. Son lucenses, canteiráns, que tiveron que saír fose e formarse para volver ao primeiro equipo. Desde o momento que cheguei, transmitíronme os valores do que significa este club, e creo que son uns magníficos anfitrións para o resto de compañeiros. Ademais, futbolísticamente van achegar moitísimo”.

Cacharrón tivo palabras de agradecemento ao club. “Estou súper contento de estar aquí, de volver vivir en Lugo, de ter á miña familia preto e, por suposto, de volver xogar neste club, no meu club, onde estiven desde os 7 anos”. O xogador lembrou o seu seu primeiro adestramento.

Pero agora ve “unha idea diferente, un proxecto diferente, máis centrado no futbolista e tamén na persoa. Un proxecto moi ambicioso”.  Para el Primeira RFEF é unha categoría “á que hai que ter moito respecto, hai que coñecela moi ben e desde a humildade crecer xuntos, coa ambición de quedar o máis arriba posible” . Pola súa parte Dani Vidal tamén se amosou satisfeito de volver ao equipo.

“Estou na miña casa, é o meu soño, é o que quería. Se fose por min, nunca me iría, pero ás veces hai que saír para demostrar. Se tes a oportunidade de volver a casa, tes que estar preparado e aproveitala”.  Ademais de falar do gran recibimento quixo falar de como evoluciona o equipo. “No centro do campo temos unha posición delicada, na que hai que ter poucas perdas e ser agresivos sen balón. Estamos a mellorar desde o comezo para que iso funcione ben”.

Novas incorporacións no equipo

O Lugo continúa así a desvelar o seu cadro de xogadores para esta nova tempada. Guille Perero e Nathaniel Nicholas protagonizaron a primeira presentación do verán. “Son dous xogadores cunha gran marxe de mellora de crecemento e cun gran talento por desenvolver. Creo que é algo no que o club vai crer moito esta tempada”, aseguraba o director deportivo, Roberto Sáez

Outro dos que se incorpora ao equipo é Raúl Hernández, que chega á cidade amurallada tras completar a tempada 23/24 nas filas do CF Fuenlabrada. Desempéñase como extremo por ambas as bandas e “está na súa madurez futbolística, e acumula unha ampla experiencia en Primeira RFEF”, aseguraba Sáez. A Lugo tamén chega Jon Ceberio, un xogador “con bo trato de balón e unha gran envergadura”.

O mediocentro formou parte do CF Intercity, criouse no Antiguoko KE e acumula varias etapas nas canteiras do Bolton e da Real Sociedade. A entidade tamén chegou a un acordo con Erik Ruiz para súa incorporación como novo xogador albivermello. Ruiz desempéñase como central zurdo e consolidouse como un dos defensores máis fiables da categoría. Outra das novas incorporacións é Jon Cabo, extremo por ambas as bandas, que completou o seu proceso formativo na canteira do Athletic Club.

A última tempada disputouna nas filas do Sestao River, onde foi unha peza importante. Xunto a el únense ao Lugo o porteiro Marcos Lavín e o defensa central Juan Rodríguez, procedentes do Alxeciras CF e o lateral esquerdo Ander Zoilo da canteira da Real Sociedade. Marcos Sánchez, Pablo Cacharrón e Dani Vidal completan as presentacións. Pola contra, o club cede a Alberto Vaquero, que xogará no Real Zaragoza; Yayo González, que se incorpora ao Real Oviedo; a Andrés Castrín para o Sevilla; a Gonçalo Tabuaço para o CS Marítimo e finaliza o contrato con Fran Mérida.

0.20070385932922