Balance da situación da covid-19 nas distintas comarcas da provincia de Lugo. Casos activos, contaxios e defuncións concello a concello.
Os casos activos freáronse algo no seu crecemento debido ás altas. Así, hoxe hai 414 en toda a provincia, 19 máis que onte, cando o aumento a xornada anterior foi de 43. Diagnosticaron nas últimas 24 horas 55 casos novos (onte foron 62 e o día anterior 47), e as altas chegaron ás 12.958 (35 nun día), o día anterior foron 18.
Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 13.589 casos rexistrados e 217 persoas falecidas.
A presión hospitalaria sobe algo máis con 6 persoas ingresadas (1 máis). No Hula hai 1 na UCI e 4 en planta (1 máis); ademais dun hospitalizado en Monforte.
O Comité clínico pola súa banda mantén dende hoxe a Sarria en alerta alta, o único concello con restricións.
POR COMARCAS
Sarria volve a sumar casos e Lugo experimenta un crecemento elevado que pon á capital preto das cifras de alerta e das restricións. O gromo causado nunha voda en Castro de Rei, Meira e A Pastoriza mantense estable.
A Mariña
- Viveiro mantén 11 casos, aínda coa incidencia moi baixa.
- Lourenzá segue coa incidencia moi alta malia non chegar a 10 contaxiados.
- Con algún caso activo e baixa incidencia están Foz, Ribadeo, Cervo e Xove. Súmanse Riotorto e Mondoñedo.
- O Vicedo e A Pontenova fai unha semana que non teñen contaxios novos.
- Sen casos novos máis de 15 días están Ourol, Barreiros, O Valadouro, Alfoz e Trabada. Súmase Burela.
Terra Chá
- Cospeito, Vilalba, As Pontes, Friol, Begonte, Outeiro de Rei e Pol teñen casos pero con baixa incidencia.
- Castro de Rei con 16 casos, e Meira e A Pastoriza con menos de dez teñen a incidencia moi alta debido ao gromo orixinado nunha voda.
- Rábade leva unha semana sen casos novos.
- Sen positivos dende hai máis de quince días están: Muras, Xermade, Abadín e Guitiriz.
Centro da provincia
- Os casos en Lugo descontrólanse a 171 (23 máis) e eleva a incidencia a nivel de alerta media.
- Portomarín, Guntín, O Corgo, Palas, Antas de Ulla, As Nogais e Becerreá teñen positivos pero con baixa incidencia. Súmanse Monterroso.
- Castroverde leva unha semana sen casos.
- Limpos de covid nos últimos quince días están: Negueira de Muñiz, Baleira, Pedrafita, Baralla, Ribeira de Piquín, Cervantes, A Fonsagrada e Navia de Suarna.
Comarca de Sarria
- No gromo en Sarria tras unha pequena melloría, volven a subir os casos. Son 68 (9 máis).
- Láncara e Triacastela seguen rebaixando a incidencia.
- Samos, O Páramo, O Incio e Paradela seguen limpos de covid dende fai máis de dúas semanas.
Ribeira Sacra
- Monforte sobe a 12 casos (2 máis) e mantén a incidencia baixa.
- Chantada rebaixa de 17 a 10 casos nunha xornada.
- Carballedo ten a incidencia alta pero segue por debaixo de dez casos.
- Quiroga, Pantón e O Saviñao teñen casos pero con baixa incidencia.
- Taboada leva sen contaxios novos unha semana. Súmase Sober.
- Sen casos en máis de quince días: Ribas de Sil, Bóveda, A Pobra de Brollón e Folgoso do Courel.