Os celadores de Urxencias do HULA trasladan as concentracións á entrada principal do hospital

O persoal celador do servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti anunciou o traslado das súas concentracións diarias á entrada principal do centro hospitalario a partir do xoves 5. As mobilizacións desenvolveranse todas as semanas, de luns a venres, en horario de 12:00 a 12:15, co obxectivo de dar maior visibilidade ás súas demandas.
Segundo explican, as protestas que viñan realizando na porta de Urxencias, xunto coa difusión da situación do servizo a través dos medios de comunicación, permitiron acadar un primeiro resultado: a incorporación de 22 cadeiras de rodas adicionais para facer fronte ao incremento da presión asistencial. Este reforzo supón, segundo sinalan, un paso inicial dentro das reivindicacións que manteñen activas.
Con todo, o colectivo subliña que as necesidades do servizo non están cubertas. Insisten en que é preciso ampliar o número de padiolas dispoñibles e incrementar o persoal para garantir unha atención axeitada ante o elevado volume de pacientes que rexistra Urxencias. Por este motivo, continuarán coas concentracións diarias, agora nun espazo máis visible do hospital, coa intención de manter a presión e lograr novas melloras.