Os celadores denuncian un novo colapso en Urxencias do HULA con pacientes agardando nos corredores

LugoXa
Doce persoas esperaban ás 8:00 horas por unha cama mentres o persoal advirte dun problema estrutural agravado pola falta de medios e dunha unidade intermedia de preingreso
Sala-de-espera-de-Urxencias-HULA
23 Feb 2026

Os celadores do servizo de Urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti volveron denunciar este luns 23 de febreiro unha nova situación de saturación no centro hospitalario, que cualifican de recorrente e estrutural. Segundo trasladan, ás 8:00 horas había 12 pacientes agardando por unha cama, distribuídos entre os corredores e a sala de espera do servizo de Urxencias. Un deles, que agardaba para ser ingresado, morreu nunha das padiolas na sala de espera de Urxencias.

Ademais, tamén había varias persoas que permanecían á espera de ingreso na área de Observación, tamén pendentes de dispoñibilidade de cama. O persoal advirte de que non se trata dun feito puntual, senón dunha "problemática que se arrastra desde hai anos e que, segundo sinalan, se viu agravada nos últimos tempos". Un deles afirma que a situación que se está a vivir "non é normal".

Os celadores denuncian a falta de medios materiais e humanos, así como á inexistencia dunha unidade intermedia de preingreso que permita aliviar a presión asistencial. Consideran que esta combinación de factores desemboca "nun escenario que cualifican de inadmisible e insostible", ao entender que dificulta garantir unha atención sanitaria en condicións dignas.

Os profesionais aseguran que trasladan esta queixa en nome dos propios pacientes e das súas familias, que reclaman solucións ante unha situación que, segundo indican, xera malestar e impotencia tanto entre as persoas usuarias como entre o persoal que presta o servizo.

APOIO DO BNG

Os concelleiros Alexandre Penas e Cristina López participaron, xunto con outras autoridades, na concentración de sanitarios de urxencias do HULA.

Denunciouse o desmantelamento do sistema público para favorecer á privada por parte do Goberno do PP e foi acusado de ser unha ameaza para a saúde das galegas e dos galegos.

O persoal sanitario de urxencias esixe un aumento de persoal para facer fronte á crecente demanda e solicita novos equipos, que segundo eles están obsoletos. Continuarán coas súas protestas ata que vexan "feitos, non só palabras".

0.082557916641235