Os centros de FP da cidade quedáronse con sete premios do Galiciakills
O recinto da Feira Internacional Abanca de Silleda acolleu o 7º Campionato Galego de Formación Profesional Galiciaskills 2023, no que case 200 estudantes de 84 centros participarán ao longo de tres días nestas olimpíadas da FP, e onde competiron en 24 especialidades con premios para a varios centros da capital luguesa.
Galiciaskills 2023 desenvolveuse en 24 competicións noutras tantas especialidades nas que o alumnado, co apoio do seu profesorado titor, demostrou as súas destrezas a través da realización de diversas probas de habilidades e coñecementos da súa área de formación. Os gañadores da medalla de ouro conforman a delegación que represente a Galicia nas próximas Spainskills, o campionato que reúne a todas as comunidades.
Ademais das oficiais, celebráronse outras oito competicións en formato exhibición para alumnado de ciclos formativos e catro destinadas a alumnado de programas formativos básicos, centrados no alumnado con necesidades especiais de atención educativa.
Durante estes días, alumnos de diferentes centros educativos visitaron Galiciaskills para coñecer as posibilidades da FP e descubrir todo o seu potencial práctico, tanto a través do propio concurso como de actividades variadas preparadas para a ocasión. Entre elas, os 3.000 visitantes participaron en obradoiros de imaxe persoal, reprografía ou experimentaron a realidade virtual mediante simuladores. O encontro rematou coa entrega de premios.
Os centros de Lugo leváronse catro medallas de ouro noutros tantos proxectos. O CIFP Politécnico recibiu unha delas na especialidade de control industrial, que correspondeu ao proxecto do alumno David Naya Pías; Cristian Santos Buján tamén foi premiado en Instalacións Eléctricas e Antón Veiga Vázquez e Elías Blanco Castro en Mecatrónica. Tamén houbo medalla de ouro para o CIFP As Mercades na categoría de Refrixeración e aire acondicionado para Joel García Simón.
Este último centro tamén obtivo medalla de prata para o proxecto de Hugo Aguiar Rouco na categoría de Tecnoloxía do automóbil. Prata tamén para o Politécnico, concretamente o proxecto de Manuel Vázquez Fernández en Fabricación aditiva. A última medalla de prata que veu para a cidade foi a de Victoria Freire Vaivaraite e Escarlen Bello Rivera, do CEE Santa María no Programa formativo básico de Peiteado.