Os centros sociais de Lugo contarán con actividades de Entroido para público familiar

A área de Cohesión Social do Concello de Lugo porá en marcha un novo e amplo programa para dinamizar o Entroido a través de obradoiros de máscaras, disfraces e instrumentos, festas en familia, propostas musicais e actividades vencelladas á gastronomía tradicional destas datas.
A programación desenvolverase entre os días 10 e 19 de febreiro nos centros de convivencia de Lamas de Prado, Uxío Novoneyra e Fingoi, aos que se suman outras actividades de carácter interxeracional que terán lugar no centro social de Paco Martín.
As propostas están dirixidas principalmente a nenas e nenos de entre 5 e 12 anos, aínda que tamén se inclúen actividades interxeracionais como o Festival de Cancións, realizado en colaboración co colexio de Casás, ou a Festa en Familia do Entroido, pensada para que os máis pequenos poidan participar acompañados de nais, pais, avós ou outros familiares.
Todas as propostas serán gratuítas, co fin de garantir a inclusión, a igualdade de oportunidades para toda a cidadanía e fomentar unha maior participación. Algunhas das actividades requirirán inscrición previa nos centros de convivencia de Lamas de Prado, Uxío Novoneyra e Fingoi, onde se desenvolverá a maior parte da programación, mentres que non será necesario inscribirse para asistir ao Festival de Cancións nin ao obradoiro de filloas de Entroido.
A programación arrancará o día 10 cun obradoiro de instrumentos musicais no centro de convivencia de Lamas de Prado, que se celebrará de 16.30 a 18.00 horas e estará dirixido a nenas e nenos de 5 a 12 anos, sendo necesaria a inscrición previa no propio centro. O xoves día 12 terá lugar, no mesmo horario e espazo, un obradoiro de máscaras de Entroido, tamén destinado a menores desa franxa de idade e con inscrición previa.
Ese mesmo xoves, o centro de convivencia de Lamas de Prado acollerá entre as 16.30 e as 18.00 horas o Festival de Cancións, aberto ao público en xeral e sen necesidade de inscrición, no que participarán as aulas de infantil do CEIP de Casás. Ademais, o centro interxeracional Paco Martín celebrará o día 12 un obradoiro de risoterapia dirixido a toda a poboación, que se desenvolverá de 11.15 a 13.00 horas e que, ao contar con límite de aforo, require inscrición previa no centro de convivencia da Milagrosa.
Os días 12 e 13 de febreiro, o centro de convivencia do Uxío Novoneyra será escenario de dous obradoiros de confección de disfraces de Entroido abertos a toda a poboación. Estas actividades, con aforo limitado e necesidade de inscrición previa, celebraranse o xoves de 18.30 a 20.30 horas e o venres de 17.00 a 19.00 horas.
A Festa en Familia do Entroido terá lugar o luns día 16 no centro social de Lamas de Prado, entre as 17.00 e as 20.00 horas, cunha tarde dedicada á música, aos xogos e aos disfraces, para a que será necesaria inscrición previa no propio centro. A programación pecharase o día 19 no centro de convivencia de Fingoi co obradoiro e degustación de filloas de Entroido, unha actividade que se celebrará de 17.00 a 19.00 horas e para a que non será necesario inscribirse. Neste caso, o Concello de Lugo contará coa colaboración de dúas veciñas do barrio, Nieves e Carmen, que serán as encargadas de impartir o obradoiro para aprender a elaborar este doce tradicional destas datas.