Os certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’ de Veterinaria xa teñen premiados
A Facultade de Veterinaria da USC entregou os galardóns dos certames ‘Escolle en galego’ e ‘O teu traballo ten premio’ cos que a comisión de normalización lingüística do centro quere fomentar o uso da lingua propia da USC entre o seu estudantado.
O acto serviu tamén para dar a coñecer os perfís gañadores do sorteo ‘Cambia a túa mirada’, unha campaña que o Servizo de Normalización Lingüística da USC desenvolveu a través da rede social Instagram.
A convocatoria ‘O teu traballo ten premio’ pretende poñer en valor os Traballos Fin de Grao da Facultade redactados e defendidos en lingua galega.
O primeiro premio, dotado con 250 euros e diploma acreditativo, foi para Lucía Gontán Iglesias, polo traballo 'Emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da produción de carne de Ternera Gallega Suprema'; mentres que o segundo, dotado con 125 euros e diploma acreditativo, distinguiu a Carlos Alfredo Busto Vázquez, polo traballo 'Comportamento das candorcas (Orcinus orca) en vida libre: a problemática das interaccións con embarcacións'.
Carla Vázquez Fernández, primeiro premio, e Cathaysa Veiras Ramos, segundo premio, resultaron gañadoras da edición 2024 do galardón ‘Escolle en galego’ co que a Facultade quere destacar os mellores traballos académicos elaborados na lingua propia da USC e vinculados a materias do grao en Veterinaria.
As estudantes recibiron 100 e 75 euros, respectivamente, xunto cos correspondentes diplomas acreditativos. Nos dous casos, o traballo premiado levou por título 'Memorias das estancias non clínicas e na Administración'.
En ambos os certames, o xurado estivo composto por Gonzalo Fernández Rodríguez, decano da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (presidente), Marta López Alonso, presidenta da Comisión de Normalización Lingüística (vogal e secretaria) e Xusto A. Rodríguez Río, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC (vogal).