Os Cinco Ríos do Corgo recupera o mercado e rastro con sesión vermú e xogos tradicionais

LugoXa
A Asociación os Cinco Ríos do Corgo, coa colaboración do Concello, recupera o mercadiño e rastro de cousas usadas do municipio tras o éxito da pasada edición.
26 Feb 2024

A Asociación os Cinco Ríos do Corgo, coa colaboración do Concello, recupera o mercadiño e rastro de cousas usadas do municipio tras o éxito da pasada edición. A cita celebrarase o primeiro domingo de cada mes a partir do vindeiro día 3 de marzo e terá lugar ao lado da Cámara Agraria.

O programa comezará ás 10.00 horas coa apertura do mercado. Haberá postos de vendedores ambulantes e calquera particular tamén poderá achegar o seu. Ademais, como novidade todas as persoas poderán levar unha cousa antiga para expoñer e a máis curiosa terá premio.

A partir das 11.30 horas os asistentes poderán gozar de xogos tradicionais como petanca, lanzamento de sacho e lanzamento de boina. Os interesados en participar deben anotarse no teléfono 636 584 282. Todos os meses realizaranse estas probas e acumularanse puntos ata agosto, cando se entregarán os galardóns ao primeiro clasificado de cada disciplina.

A música tampouco faltará na xornada. O cantante barallés Dani Pardo será o encargado de amenizar a sesión vermú a partir das 12.00 horas. Xa ás 13.30 horas terá lugar o sorteo dunha cesta. Por último, o mercado contará con postos de polbo para os que queiran gozar da gastronomía durante a xornada. As persoas interesadas en levar algo para vender deberán inscribirse nos teléfonos 636 584 282, 686 65 657 e 670 833 909.

0.17126703262329