Os clubs deportivos Gravitty e o Fluvial reciben unha axuda para ampliar as instalacións

LugoXa
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións de dúas entidades deportivas lucenses beneficiadas coas diferentes ordes de axudas dispostas ao longo do presente curso pola Xunta de Galicia.
gravitty visita lete
29 sep 2023

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou as instalacións de dúas entidades deportivas lucenses beneficiadas coas diferentes ordes de axudas dispostas ao longo do presente curso pola Xunta de Galicia.

En primeiro lugar, o mandatario galego visitou as instalacións do Club Gravitty, que recibe 25.000 euros ao abeiro da Orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas. Neste caso, o club lucense de ximnasia e baile deportivo está a levar a cabo obras de adecuación e mellora do interior dunha da súas naves situadas no Polígono do Ceao e que conta cun orzamento global de máis de 32.000 euros (32.265,27 euros), sendo o 77% achegado pola Xunta de Galicia.

Estas obras do Club Gravitty corresponden a un incremento da súa actividade e ao alugamento dunha nova nave para poder realizar toda a súa actividade. Neste sentido, Lete Lasa destacou a gran progresión do baile deportivo, disciplina que será olímpica en París 2024 a través do break dance. Galicia xa conta coa súa propia federación dende novembro de 2022 e coa Liga Xunta de Galicia de Breaking, que camiña pola súa terceira edición. O secretario xeral para o Deporte lembrou asemade que, neste mesmo mes de setembro, Alicia Babarro e David Amor, proclamáronse campións de España de Breaking nas categorías xuvenil e sub21, respectivamente. A nova nave do Club Gravitty, que servirá para dar cabida ás actividades de ximnasia rítmica, acrobática, artística, trampolín, pole sport e parkour converterase no único centro integral de ximnasia da provincia lucense.

A continuación, Lete Lasa e Javier Arias trasladáronse ao Club Fluvial de Lugo que, neste caso, foi beneficiario de dúas ordes de axuda da Xunta: a Orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas e a Orde para a concesión de subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado.

No primeiro caso, o Club Fluvial de Lugo recibiu unha axuda de 25.000 euros para o circuíto de crossfit e carreiras de obstáculos. Máis polo miúdo, levará a cabo o peche do circuíto e acondicionamento do percorrido cun investimento de máis de 40.000 euros (40.857,83) dos que a Xunta achega o 62%. Unha vez rematadas estas obras, o Club Fluvial levará a cabo a montaxe dos obstáculos do circuíto deportivo. Lete Lasa destacou as carreiras de obstáculos como unha disciplina deportiva que conta co apoio da Xunta como a Gladiator Race que vén de celebrarse na Cidade da Cultura.

Ademais, cómpre salientar que ao abeiro da orde de equipamento adaptado, o Club Fluvial recibiu 5.049 euros para dúas embarcacións adaptadas. O secretario xeral para o Deporte destacou o gran nivel do piragüismo adaptado en Galicia nos últimos anos con grandes resultados internacionais de David González, Araceli Menduíña ou Adrián Mosquera, acadando estes dous últimos a clasificación olímpica hai unhas semanas en Duisburgo.

22 millóns para infraestruturas deportivas

O Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.

Dentro deste orzamento para infraestruturas destacan dúas novas ordes de instalacións deportivas, unha para concellos e outra para entidades deportivas. No pasado mes de xullo, a Xunta de Galicia repartía 6 millóns de euros entre 225 axudas para 148 concellos a tenor da Orde para a concesión de subvencións dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. Esta orde, tivo unha segunda convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir as solicitudes rexeitadas por esgotamento de crédito e outras novas peticións e será resolta nos vindeiros días. Por outra banda, a Orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros e a súa resolución será publicada no DOG do vindeiro 2 de outubro.

Ademais, a Orde do 13 de abril de 2023 para a concesión de subvencións a clubs deportivos galegos con licenzas de deportistas con discapacidade, para a adquisición de equipamentos deportivos para deporte adaptado viu publicada a súa resolución no DOG do pasado 24 de agosto cun total de 46 clubs beneficiarios cun crédito orzamentario de preto de 227.000 euros (226.754 euros).

lete visita club fluvial
0.095999956130981