Os colectivos e asociacións lucenses márcanse os obxectivos para o 2022

LugoXa
Conoce los objetivos y las reivindicaciones que se marcaron las asociaciones y los colectivos lucenses para este año 2022.
mercenarios galaicos arde lucus
6 Xan 2022

Os colectivos e asociacións lucenses, ao igual que os cidadáns, márcanse novos propósitos e desexos de cara ao novo ano. Dende aquí queremos dar voz a tódalas agrupacións que conforman e facilitan a vida dos veciños de Lugo.

Hai un único desexo e obxectivo que é común e une a todos os colectivos e cidadáns. Este é o da saúde, un factor que se viu moi minguado nos últimos dous anos. A covid 19 irrompeu paralizando a vida social, o comercio, as actividades, os festexos e todo tipo de acto que consistira nunha pequena agrupación de persoas. Nos últimos meses, fóronse reactivando todos estes sectores, favorecendo unha mellora na calidade de vida dos lucenses e dos grupos que conforman.

Aínda que as administracións públicas están a favorecer e impulsar os distintos sectores, para axudar e dinamizar a economía e promover a cultura e as diferentes actividades sociais, as asociacións e colectivos reivindican un incremento no apoio que lles facilite a volta á normalidade.

Eduardo Núñez, presidente da Peña Anda a Asociación benéfica protectora do Asilo de Anciáns de Lugo afirma que “de cara a este ano o noso maior obxectivo é o de incorporar xente nova e así rexuvenecer a Peña, é dicir, incorporar sabia nova, porque esta Peña ten 60 anos de historia e o 60% ou 70% dos socios son moi maiores. Por iso, a nosa idea é esa xa que rondamos os 500 socios”.

Por outra banda, aproveita para recordar que “somos unha asociación benéfica pero xurde como unha Peña de amigos que quixo axudar naquel momento ao asilo de San Roque xa que tiña moitas carencias. Afortunadamente hoxe en día non as ten. Esta segue sendo unha das nosas liñas principais, a atención á terceira idade, e sobre todo a de prestar atención as causas benéficas necesarias. Por iso, nese senso o noso orzamento é moi reducido e nós vivimos sen axuda das administracións, sostémonos coas achegas dos socios e a lotería. Así que o único que pedimos é que todo o mundo colabore nas nosas causas”.

A colaboración e sustento da mesma é unha parte esencial que garante un envellecemento de calidade e digno na cidade amurallada

Este tipo de agrupacións fan máis afable a vida dos nosos maiores polo que a colaboración e sustento da mesma é unha parte esencial que garante un envellecemento de calidade e digno na cidade amurallada.

Outra asociación que tamén se encarga de facilitar a vida dos lucenses é Afalu Alzheimer, unha organización sen ánimo de lucro que favorece unha mellora na calidade de vida dos seus pacientes, un apoio para as familias e un factor fundamental na campaña de concienciación, prevención e información sobre as demencias neurodexenerativas.

Neste senso, María Carmen Pena Ledo presidenta da asociación destaca dous obxectivos principais de cara ao 2022 “seguir insistindo na prevención mediante a estimulación cognitiva e a terapia e, dar visibilidade á problemática á que se enfrontan día a día os enfermos e as súas familias. Seguiremos defendendo os seus dereitos e as súas necesidades”.

Aproveita para pedirlle ao novo ano “que as administracións públicas sigan colaborando co noso colectivo así como ampliar e axilizar os recursos para os doentes de Alzheimer e demencias neurodexenerativas e as súas familias”.

A cultura, foi un dos sectores máis paralizados e un dos que máis dificultades están tendo para volver a reactivarse. Son circunstancias onde existen aglomeracións de xente e é complicado poder ofrecer unha programación ampla e variada de actividades culturais sin que supoñan un risco. Coa chegada das vacinas volvéronse abrir teatros, actuacións e retomáronse as celebracións de diferentes festividades a medio gas. Polo que, o obxectivo é común para todos os colectivos que fomentan as actividades culturais da cidade, que o virus permita encher teatros e realizar as festas tradicionais da cidade coma nos anos anteriores á aparición da Covid.

Os Mercenarios Galaicos unha asociación de recreación histórica creada no 2013 para o Arde Lucus marcáronse como obxectivo para o 2022 “participar nalgunha festa de recreación histórica, na que poder dar a coñecer o Arde Lucus, fóra das nosas fronteiras, dar un pasiño máis e internacionalizarnos. Para iso xa estamos en contacto con asociacións de varios países”.

Con respecto á festa lucense “de cara o Arde Lucus 2022 imos facer de novo todo o campamento, estamos xa ensaiando novas actividades e a día de hoxe somos sobre 100 persoas na asociación e abriremos a cota ata chegar aos 100 adultos, polo que chegaríamos aproximadamente as 150 persoas”.

Como reivindicación ás administracións locais, o colectivo anima a “que sigan traballando por facer o Arde Lucus o mais grande posible, cousa que están a facer bastante ben. O único pero que se lles pode poñer e que intentan facer cousas para as que nos avisan con moi pouquiño tempo e é complicado organizar á xente”.

Paloma Lugilde de Palimoco Teatro tamén manifestou os seus desexos e propósitos para o ano 2022 con respecto á dramaturxia lucense. “Nós o que pretendemos este ano é volver poder intervir nas rúas como facíamos con Quen ocupa esta cadeira? ou con Letra viva e seguir formando os grupos e crecendo xuntos. Investigando. A verdade é que os rapaces e rapazas botan máis de menos poder actuar na rúa sen as máscaras. Entendemos que iso non depende de ninguén, senón do virus polo que esperaremos e agardaremos a que a situación mellore. Seguiremos facendo as cousas como estamos facendo, con moita prudencia”.

Por outra banda, agradece que “a nivel cultural estase facendo moitisimo polo teatro galego en Lugo porque agora podemos presenciar case todas as obras que se dan no circuíto da rede. E, tal vez, agora reivindicar un pouco máis de apoio aos autónomos lucenses, porque témolo pasado francamente mal para poder manter o ritmo que levábamos as escolas. Se cadra, unha proposta para as administracións é que se reúnan co sector para ver e avaliar un pouco cal é a situación e en que nos poden botar man. Sobre todo á hora de ter máis facilidade para alugar e ter máis oportunidades e lugares onde poder presentar as nosas obras e traballos das diferentes escolas así como os intercambios entre as mesmas. Pero aí estamos. Pouquiño a pouco que son tempos complicados para os xestores culturais e para os autónomos.

Os negocios e establecementos lucenses desexan un ano con máis compras por parte dos lucenses, que admiten, cada vez son máis conscientes de que realizar as xestións nos establecementos de proximidade promoven e xeran riqueza na cidade, movendo a economía, creando postos de traballo e favorecendo as pequenas empresas.

Dende a Asociación de Empresarios Lugo Monumental que representa unha boa parte dos negocios de Lugo afirman que non existen propósitos especiais para o 2022 xa que “a nosa política nisto é facer previsións coma se fose un ano normal e, en función da situación sanitaria, ir modificando a programación coas anulacións e os cambios que procedan”.

Pola contra, no capítulo das reivindicacións móstranse claros e directos ao afirmar que “é necesaria unha política realista, afastada de slogans e xestos que non teñen trasfondo real. Por exemplo, podería faltar dos bonos da Deputación, que lles custaron un ollo da cara aos empresarios xa que se lles pagou coma se fose unha subvención para eles e non para o usuario do bono, polo que téñeno que declarar e pagar os impostos correspondentes, cando realmente é unha forma de pago sinxelamente”. A isto, engaden que “a medio prazo tamén cremos que é fundamental que os recursos se usen para cubrir necesidades, e non, para facer obras innecesarias como a famosa Intermodal, que non vale para nada xa que non hai trens decentes e suporá afastar da súa magnifica localización á estación de autobuses”.

Jaime Luís López Vázquez secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) marca como obxectivos de cara ao 2022 “continuar co apoio e incentivo do tecido empresarial na provincia de Lugo a tódolos niveis. Ademais de seguir coas liñas de traballo que desenvolvemos habitualmente, de información e asesoramento laboral, xurídico, económico… ás nosas empresas asociadas, ou de promover novas iniciativas a través da nosa participación e impulso de entidades como a Fundación CEL, que para o próximo exercicio chega a 25 anos apoiando ós emprendedores lucenses, ou a Fundación Agroalimentaria de Galicia, que vimos de constituir neste 2021 para impulsar o peche de ciclos produtivos e a mellora da competitividade no ámbito do sector agroalimentario, cara o 2022 está no noso horizonte a reapertura das nosas oficinas na zona Sur e na zona Norte da provincia, co apoio da Xunta, de cara a retomar un contacto máis achegado coas empresas e emprendedores nesas áreas, nun contexto no que necesitan máis que nunca dun asesoramento directo, por exemplo, nas diferentes liñas de axuda que están lanzando as Administracións Públicas nestes intres”.

Ademais, recalca e reivindica que “ao marxe de seguir insistindo nestes intres no necesario apoio que precisan as nosas empresas e emprendedores para superar a crise da Covid-19, moi especialmente nalgúns sectores, as principais reivindicacións da CEL nos últimos anos, e desgraciadamente non cremos que varíen para 2022, relaciónanse coa dotación de infraestruturas para a nosa provincia. Para empezar, é necesaria a finalización, canto antes, da Autovía a Santiago e o impulso da Autovía con Ourense, de interese para a conexión vía estrada con Portugal e a zona Atlántica, ademais de para noso vertebrado interior. E non debemos esquecer o necesario vertebrado do norte provincial vía autoestrada cara Ferrolterra e a modernización das liñas FEVE nesa zona para transporte de mercancías e viaxeiros”.

Non quixo esquecer “o necesario que é un compromiso claro para que Lugo non siga quedando ao marxe da alta velocidade: o mínimo é conectar Lugo con Ourense para que poidamos chegar á Meseta e ó resto do país en tempos competitivos, porque somos a esta hora a única capital de provincia en Galicia que queda fóra deste importante avance nas comunicacións. A maiores, a interconexión ferroviaria de Lugo con Santiago e A Coruña en tempos competitivos sería algo tamén de gran relevancia para a provincia. Consideramos asemade imprescindible que se execute canto antes a conexión ferroviaria Monforte – Lugo – A Coruña co Corredor Atlántico para garantir a saída dos nosos produtos”.

Por último, Jaime Luís continúa dicindo que “o prezo da enerxía tamén está dentro das nosas preocupacións principais a día de hoxe: hai que garantir que as nosas empresas accedan a prezos de enerxía competitivos, que non comprometan a súa viabilidade presente e futura. Relacionado con todo o anterior (a dotación en materia de infraestruturas, os incentivos ao tecido produtivo e a novas iniciativas…) está a loita contra o despoboamento: hai que tomar medidas xa para reverter esa tendencia á perda de poboación e o empobrecemento da denominada España Baleirada da que Lugo forma parte, desafortunadamente”.

O eido da educación é fundamental para a creación dunha sociedade. Encárganse de aportar nocións básicas aos máis novos co fin de crear persoas que sexan capaces de desenvolverse por si mesmas nun futuro. Os nenos, foron os grandes esquecidos na pandemia, moitos perderon capacidades para socializar, así como o contacto directo cos seus mestres dificultando a labor educativa.

Martín Jose Araujo Velasco, presidente da Anpa Rosalía de Castro confirma que de cara ao 2022 “temos previsto continuar mellorando o noso colexio e facer proxectos para os nenos”.

Como pai e falando de maneira persoal, propón ás administracións que se encarguen de “facer unha cidade amable cos nenos, xa que nunca se conta con eles, non teñen espazos onde xogar, o importante é facer terrazas e edificios. Debería haber nos centros das cidades e nos barrios pistas de fútbol salta, baloncesto, patinetes, skate, zonas de bancos onde sentarse e falar. Onde levamos ós nenos? Ao parque parece que molestan... Tan só hai que ver o incrible espazo creado na parte superior de Vialia, canchas pistas, tobogáns, parques... en Vigo, a anos luz de Lugo. A sociedade é egoísta cos nenos, non contan para nada e nunca se pensa neles. Falo dende pequenos ata nenos adolescentes. Considero que hai que darlles outras opcións diferentes a facer botellón”.

Fernando Rois Rois, Presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais "Rosalía de Castro" – CoGaVe. Un colectivo que representa a unha gran parte da sociedade lucense confirma que entre os obxectivos de cara ao 2022 están o de "seguir defendendo os intereses de tódolos galegos e galegas, independentemente de onde vivan. Temos que seguir dando batalla en materia de cobertura de telefonía móbil e internet, que segue sen chegar a moita xente. Tamén seguiremos enriba da mellora de conexións entre Galicia e tamén de Galicia co resto da península. Tamén en materia de atención presencial, especialmente en tema sanitario. Seguiremos denunciando os abusos das entidades bancarias. En definitiva, seguiremos defendendo aos veciños e veciñas de toda Galicia”.

En canto as reivindicacións, o presidente recorda que “na maioría dos casos non obtivemos resposta nin tampouco execución en tempos aceptables. Esixiremos que estean á altura das necesidades da cidadanía, xa que son entidades públicas, ao servizo das persoas”.

O deporte en Lugo é un sector no que tamén influíu moito a pandemia. Por iso, ao novo ano os clubs lucenses teñen como propósito e obxectivo seguir inculcando o deporte como hábito saudable aos máis cativos. Por outra banda, tamén pretenden seguir competindo e realizando encontros de gran envergadura na cidade, como a Champions de fútbol sala que tivo lugar o pasado mes de decembro ou o Campionato galego absoluto de inverno de natación que se celebrou no Club Fluvial.

Adolfo Somoza presidente do CP Casás afirma que “o club ten como obxectivo para o 2022, se a covid o permite, seguir medrando e ofrecendo deporte de calidade aos lucenses. En fútbol sala, loitaremos por manter as categorías alevín, infantil e cadete nas Ligas Galegas e intentaremos ascender á mesma co equipo xuvenil. Un dos nosos propósitos máis importantes e no que mantemos o foco é o de ampliar e crear equipos femininos cos que as nenas da cidade poidan competir e xogar. Este é un aspecto no que o noso club foi pioneiro no fútbol sala lucense. En canto ao fútbol 11, continuaremos co proxecto que estamos a levar de maneira conxunta co outro club do barrio a SCD Residencia”. Ademais, recorda que “este ano volvemos ás competicións de atletismo tras un par de temporadas sen contar con esta disciplina no club, o fin é o de fomentar este deporte e crear hábitos saudables nos rapaces”.

No tocante ás administracións, o presidente do club móstrase satisfeito “estamos moi contentos cas axudas prestadas por parte de tódalas administracións, tanto Concello, como Deputación, como Xunta. O que si é certo é que o Concello de Lugo ten unha carencia de instalacións deportivas e si que lle pediríamos ás mesmas que solvente dita precariedade, construíndo algún polideportivo máis así como algún campo de fútbol”.

Óscar Rodríguez presidente do CP Lucense afirma que “este ano aspiramos a referendar os resultados do ano pasado onde conseguimos ser campións galegos en categoría alevín. Esto foi unha continuación do ano anterior onde xa alcanzamos o campionato galego en categoría benxamín de balonmán. En atletismo individualmente hai deportistas que si que aspiran a competir nos galegos. O noso obxectivo principal é fomentar o deporte. E formar aos nenos. Os resultados virán se hai boas condicións e se traballan ben”.

Como reivindicación, coincide co presidente do CP Casás ao afirmar que é necesario “mellorar as instalacións deportivas. Lugo está mal dotado de instalacións onde levar á práctica a realización de deporte. Hai moita oferta de actividades moita demanda por parte dos nenos e as instalacións quédanse escasas para cubrilo. É unha demanda reiterada durante os últimos anos. As administracións teñen os recursos que teñen e entendo que as administran da mellor forma que poden loxicamente, pero si que é certo que hai necesidade”.

0.20317506790161