Os conservatorios de Lugo e a escola Ramón Falcón participaron en Innovart

Alumnos e docentes do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, dependentes da Xunta, participaron na terceira edición da feira InnovArt que se celebrou este xoves e venres no Museo Gaiás, en Santiago de Compostela, co fin de achegar aos estudantes dos distintos niveis educativos as ensinanzas artísticas que se ofrecen en Galicia.
No encontro presentouse así mesmo o potencial académico das ensinanzas de idiomas e deportivas que ofrece a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e, neste eido, a representación da provincia chegou á feira da man da Escola Oficial de Idiomas de Lugo e do IES Río Cabe, de Monforte de Lemos.
En total, 25 centros de ensino de toda a comunidade puideron presentar e promover o seu traballo en InnovArt a través de máis de 300 actividades, como obradoiros interactivos, exposicións, actuacións de danza e teatro ou concertos. Ademais, os propios alumnos e docentes ofreceron información e asesoramento aos asistentes.