Os danos dos temporais superan os 150.000 euros na rede viaria e edificios municipais de Palas de Rei

O Concello de Palas de Rei estima que os estragos ocasionados polas choivas persistentes das últimas semanas poderían superar os 150.000 euros, segundo as avaliacións realizadas polos técnicos municipais. Os danos concéntranse principalmente na rede viaria e en distintos edificios públicos, que soportaron condicións meteorolóxicas especialmente adversas durante as derradeiras semanas de 2025 e as primeiras de 2026.
O rexedor, Pablo Taboada, sinala que neste período “as precipitacións alcanzaron volumes extraordinarios”, o que provocou un notable deterioro en infraestruturas básicas do municipio. As intensas chuvias e os sucesivos temporais deixaron a súa pegada tanto en estradas e camiños como en instalacións municipais, obrigando agora a realizar unha avaliación detallada dos danos.
O alcalde palense avanzou que, “en canto o tempo o permita, iniciarase un plan extraordinario para intentar arranxar os desperfectos e recuperar a normalidade nas vías e servizos afectados”, dando prioridade ás actuacións máis urxentes e ás zonas que sufriron maiores consecuencias como resultado directo dos temporais deste inverno.