Os deputados populares suxiren que a residencia de Becerreá podería ter "danos polo abandono que sofre"

LugoXa
Os deputados populares subliñaron que continuarán apoiando á Plataforma Pro Residencia de Becerreá, tal e como fixeron desde o principio
PP-Xuntanza-Becerreá
4 Feb 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, expresaron a súa preocupación polo que consideran "constantes negativas" de PSOE e BNG a autorizar o acceso dos deputados ao edificio que debería albergar o centro de atención a maiores de Becerreá.

“Xa pedimos acceso en varias ocasións, seguindo os cauces oficiais, pero ata o momento negan a entrada. Imos supoñer que non queren que vexamos algo do interior ou o abandono acumulado durante anos”, comentou Ameijide.

Durante unha xuntanza de traballo coa Plataforma Pro Residencia de Becerreá, en presenza tamén do voceiro do PP na localidade, José Fernández Carrete, e varios concelleiros, o voceiro provincial do PP tamén alertou que esta negativa pode ser "indicativa de posibles danos no edificio, xa que, a pesar de que a obra rematou hai máis de tres anos, o centro non foi posto en funcionamento".

ANTECEDENTES

O Grupo Popular rexistrou, o pasado 19 de xullo, un escrito na Deputación de Lugo solicitando a data e a hora para poder acceder ao interior do edificio, pero ata o momento non lles foi permitido. “Imos seguir esixindo acceso aos informes de mantemento e reparación, para coñecer as razóns dos danos e os traballos realizados”, explicou Ameijide.

Ademais, o pasado 17 de xaneiro, o Grupo Provincial Popular solicitou por escrito acceso e copia das actas das reunións celebradas pola Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá, se estas actas existen. Aínda non recibiran resposta.

Os deputados populares subliñaron que continuarán apoiando á Plataforma Pro Residencia de Becerreá, tal e como fixeron desde o principio, e reiteraron o seu compromiso coa xusta reclamación dos veciños. "Non nos deteremos ata que a residencia se abra e se poña en servizo", asegurou Ameijide.

Mentres tanto, a situación da residencia segue sendo crítica, xa que, ademais de non prestar servizo aos maiores, está a causar a perda de aproximadamente 100 postos de traballo directos e indirectos na comarca.

0.17338681221008