Os elementos decorativos das prazas peonalizadas no centro de Lugo centran o debate na rúa

LugoXa
Para o deseñador e historiador da Arte, Guille Tort, a disposición dos farois nas rúas Montevideo e na praza de Ferrol “é agresiva”
obras centro histórico Lugo alumeado
22 Mar 2025

As obras do centro histórico de Lugo seguen a ser un tema de debate entre a sociedade luguesa, que critica a forma de proceder nas diferentes rúas que forman parte do proxecto ‘Corazón verde’ do Goberno local.

O alcalde, Miguel Fernández, anunciou que as obras en Santo Domingo e na Rúa Teatro rematarán o 15 de xuño, mentres que os traballos na Rúa Montevideo deberían acabar antes do 15 de maio. Así, recentemente, vén de ser cambiado o plan de tráfico co fin de liberar de circulación de vehículos a Rúa Nova e a Rúa San Marcos para levar a cabo os traballos necesarios e deixar esas rúas en perfecto estado antes da data prevista.

Porén, veciños e veciñas de Lugo non cren que se cumpran ditos prazos, xa que xa van dous anos de obras, coas súas respectivas prórrogas, cando estaban previsto levalas a cabo nun prazo de 10 meses.

“Queren rematar as obras no casco histórico de Lugo antes do 15 de xuño para ter a cidade lista antes do Arde Lucus, e iso está ben, tendo en conta que o Concello se cargou o evento do ano pasado xustamente porque estaba a cidade toda levantada”, sostén un veciño.

Por outra parte, non só molestan as obras e os desperfectos no chan, a sociedade de Lugo tamén critica o baleiro das prazas peonalizadas, xa que o proxecto ‘Corazón verde’ pouco verde ten. Así, algún lembra a tala de árbores, teixos concretamente, “inxustificada” que se fixo na praza de Ferrol.

Así como tamén se critica a decoración, na que destacan bancos de estilo moderno e de aceiro xa oxidado “que non pegan ben co espazo”, tal e como sostén o deseñador e historiador da Arte Guille Tort, que opina que “os bancos da praza de Ferrol son doutro tipo de espazo público, non pegan nun casco histórico”. Así, sostén que “é unha mágoa crear un espazo peonil e grande, no que destaca o cuartel de San Fernando, a Muralla e o colexio A Milagrosa, pero os ollos vanse aos bancos ou aos farois”, comenta e engade: “Os elementos decorativos dunha praza dun casco histórico non deberían ser protagonistas, senón integrarse no espazo como un elemento máis, facendo un conxunto harmónico, e no caso de Lugo é todo o contrario”.

Ademais, cre que a disposición destes elementos “é agresiva”, xa que hai pouca separación entre os farois, que ademais, “sobran”. No caso concreto da rúa Montevideo, Tort explica que “a rúa xa estaba ben iluminada, xa que había focos de luz pegados á fachada dos edificios, pero agora os farois interrompen a vista. Antes quen cruzaba a Rúa Nova con Montevideo, podía ver perfectamente a Muralla e coa peonalización podería conseguirse unha paisaxe, pero con tantos farois, entorpécese esa imaxe. Deberían explicarnos para que valen tantos focos de luz postos sen unha dirección concreta”, critica.

⚙ Configurar cookies
0.48378896713257